O Lago Sport reunirá máis de 600 nenos e nenas no VI Torneo Base e no V Torneo Feminino de As Pontes

O club Lago Sport converterá As Pontes nun dos grandes epicentros do fútbol sala base galego durante dúas fins de semana consecutivas coa celebración do VI Torneo Base Lago Sport e do V Torneo Feminino Base Lago de As Pontes, dous eventos que reunirán a centos de deportistas chegados de distintos puntos de Galicia.
A actividade comezará esta fin de semana coa celebración do V Torneo Feminino Base Lago de As Pontes, previsto no Pavillón Municipal das Pontes. Nesta edición participarán máis de 200 nenas e xa están confirmados todos os clubs asistentes.
O torneo feminino reunirá equipos como Burela FS, FSF Castro, O Parrulo Ferrol, SDC, Distrito Ventorrillo, Concello de Coles, Vilalba FS e EDM Xove, entre outros, nunha competición que busca seguir impulsando o fútbol sala feminino de base e fomentar valores como a convivencia e o deporte en igualdade.
O VI Torneo Base Lago Sport disputarase os días 22, 23 e 24 de maio nos pavillóns municipais e do Monte Caxado. O evento contará coa participación de máis de 400 nenos e nenas das categorías cadete, infantil, alevín, benxamín, prebenxamín e biberón, nunha cita na que o deporte, a convivencia e o compañeirismo volverán ser os grandes protagonistas.
Desde a entidade deportiva destacaron a consolidación dun torneo que cada ano continúa medrando en participación e seguimento, converténdose xa nunha referencia do fútbol sala base galego. O club tamén quixo agradecer a colaboración do Concello das Pontes, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Futsal RFGF e das empresas patrocinadoras que fan posible a organización do evento.
Coa celebración destes dous campionatos, As Pontes volverá situarse no mapa do deporte base galego, cunha ampla programación que atraerá durante varios días a xogadores, familias e afeccionados ao municipio.