O meu fillo non come
Por Marta P.Fandiño - Nutricionista de Nutripasos
Aínda que é moito máis común padecer exceso de peso na etapa infantil, son moitos os país que se preocupan polo baixo peso do seu cativo ou sen máis, polo pouco que come o longo do día. Esta situación prolongada no tempo, pode traducir as comidas diarias nun campo de batalla ou incluso fomentar unha mala relación familiar, con rifas, tristeza e agobios.
O primeiro que hai que saber é que durante os primeiros meses de vida, os lactantes deben triplicar o seu tamaño corporal polo que a inxestión de alimentos vai en concordancia con dito aumento. Non obstante a partir do primeiro ano de vida e en adiante, o crecemento enlentécese e tamén as necesidades enerxéticas o que pode ocasionar un menor apetito e polo tanto, una menor inxestión de alimentos. Loxicamente moitos familiares, poden tomar esta situación coma infrecuente e alertarse ante a repentina falta de apetito do cativo. Esta preocupación pese a ser comprensible, non estaría xustificado.
Que ocorre se ademais de comer pouco o crecemento é menor ou máis lento ca do resto dos compañeiros? Esta situación tampouco debe crear alarma, sempre e cando o rapaz estea activo, xogue coma os demais e continúe facendo revisións no pediatra sen síntomas de desnutrición. Simplemente, e coma no caso dos adultos, cada neno pode presentar alturas e pesos diferentes sen supoñer isto un problema de saúde.
Quen estima a cantidade que o rapaz necesita xantar? Os pais adoitan a servir as cantidades que lles parecen razoables para o consumo do rapaz, pero ditas cantidades non sempre se asemellan ó que realmente necesita o mesmo. A sensación de fame e saciedade dos nenos está intacta e é a que se debe ter en conta á hora de nutrilos, aínda que non se pode confundir coas ganas de acabar xa de xantar para poder ir xogar, actitude moi común nalgúns pequenos.
A comida en forma de puré pode enganar á vista, posto que aínda que o volume final que inxire o cativo pode parecer pouco, non debemos esquecer a cantidade inicial do mesmo, que valería para saciar a un adulto. Se o pequeno prefire petiscar comida sólida, é unha boísima opción, isto pódelle favorecer en gran medida xa que lle permite autoregular a inxestión de alimentos e experimentar diferentes sabores e texturas. Tamén favorece o emprego dos músculos mandibulares polo que axuda ó desenvolvemento da fala e reduce as posibilidades futuras de sobrepeso ou obesidade.
Insistir para que coma é una pésima elección, posto que creará maior rexeitamento do cativo cara o alimento (cantos adultos non odian as verduras pola insistencia continuada dos seus pais que finalmente as escondían nos pratos?). Ademais, crea unha situación desagradable e tensa para o pequeno e a familia, facendo que ese momento do día sexa desagradable e polo tanto o rapaz intente evitalo a toda costa. Isto, si pode producir un problema alimentario no mesmo, que chegará a mesa xa enfadado. Darlle de comer o único prato que lle gusta tampouco é a solución, posto que ademais de non garantir a súa correcta nutrición, fará que non prove outros pratos sabendo que finalmente lle prepararán o seu favorito. Isto non implica que non teña preferencias e alimentos específicos que non lle gusten, a clave está en ofrecerlle opcións sans para que así a súa elección sexa sempre correcta.
Coidado cos xogos durante a hora de comida! e coidado con premios ou castigos a redor da alimentación! Comer non é un premio; “come a froita e despois dareiche o chocolate”. Este tipo de frases relacionan a froita coma algo negativo, obrigatorio, un castigo... sen embargo o chocolate queda coma o premio, algo merecido tras o esforzo. Esta relación acompañará toda a vida o pequeno, que tras longos días de traballo premiarase con doces na cea ou tras ela.
A hora da comida, debe ser un momento relaxado no que o cativo debe ter a disposición alimentos saudables. Para que coma san todos na casa deben facelo, finalmente os nenos son copias dos pais, polo que si estes non comen froita ou verduras, posiblemente os pequenos tampouco o farán.