O Ministerio de Agricultura convoca as axudas para a compra de tractor
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE), a convocatoria de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola correspondente a 2019. Este Plan Renove 2019 está dotado cun orzamento de 5 millóns de euros que se distribuirán mediante axudas directas ao agricultor.
Segundo se recolle nesta convocatoria, amplíanse os equipos subvencionables respecto a 2018: inclúense tractores, máquinas automotrices de recolección, e determinada maquinaria arrastrada como equipos fitosanitarios, abonadoras, sembradoras directas, cisternas de xurro con dispositivo de localización do produto no chan e dispositivos de localización independentes para a súa instalación nunha cisterna en uso.
Deste xeito, segundo o Ministerio, aténdense as diversas necesidades de mecanización da agricultura española, incorporando máquinas energéticamente máis eficientes, con maior capacidade de traballo, máis seguras e máis respectuosas co medio ambiente.
O prazo de presentación da solicitude, xa aberto, prolongarase ata o 15 de setembro, por tanto, o solicitante dispoñerá de cinco meses para comprar a nova máquina, realizar a súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola e tramitar a solicitude.
Adaptación á normativa ambiental europea
A nova maquinaria deberá estar adaptada á normativa europea en materia de emisións de gases de efecto invernadoiro e de partículas contaminantes.
No caso dos tractores e máquinas automotrices, conseguirase unha redución de 15-20% de dióxido de carbono e ata dun 94% de partículas, ao substituír equipos antigos por novos que cumpren cos requisitos europeos en materia de contaminantes atmosféricos.
Tamén se promove a mellora da seguridade da maquinaria agrícola, de forma que se podería incrementar a contía basee da axuda se o tractor achatarrado non dispón de ningunha estrutura de protección homologada, segundo a normativa de aplicación.