O Mosteiro de Meira
Por Miriam Fernández
No corazón de Santa María de Meira levántase este mosteiro homónimo, un dos referentes máis significativos da Orde e a arte do Císter galego e peninsular. Desafortunadamente pouco máis que a igrexa e parte do claustro novo queda en pé, máis, aínda así, podemos facernos unha idea da maxestosidade e importancia que tivo desde a súa orixe esta casa, fundada directamente dende Claraval, constituíndose coma un dos mais puros exemplos da arquitectura do Císter que atopamos no noso territorio e que nos permitiría comprender os ideais relixiosos que trouxeron os monxes franceses dende a abadía nai.
Segundo as táboas do Císter, a fundación do mosteiro de Meira tivo lugar o día primeiro de xuño de 1143, emprazado nuns terreos doados polo rei Alfonso VII ós Condes de Sarria, os cales á súa vez o cederon a esta Congregación. Tras o seu asentamento o mosteiro percibiu gran cantidade de doazóns reais e fidalgas, xerando así unha cantidade de ingresos que o fixo medrar, tanto patrimonialmente como en termos de poder, o que tamén lle permitiría sumarse ás sucesivas renovacións estilísticas e ampliacións propias da Idade Moderna. Non será ata o s. XIX cando o mosteiro comezará o seu período de decadencia, marcado polas pillaxes da invasión francesa e polas desamortizacións de Godoy e Mendizabal, reducindo as sinais do seu esplendor. No século XX, tras o seu continuado uso como canteira, só quedará en pé a igrexa e parte do claustro do século XV, este último adquirindo a función de Casa Consistorial. En 1931 estes restos foron declarados Monumento Histórico-Artístico, pertencente ó Tesouro Artístico Nacional.
A igrexa do mosteiro de Meira, actualmente igrexa parroquial, é un dos modelos máis puros exportados dende Claraval e o “Plan Bernandín”. Posúe unha planta de cruz latina con tres naves de nove tramos no brazo lonxitudinal e unha única nave de cinco tramos no transepto. A cabeceira está composta por 5 capelas, a maior de planta semicircular e dúas rectangulares por cada brazo. A nave central e a do transepto están cubertas con bóveda de canón apuntada, mentres que as laterais fano a través de bóvedas de aresta. As columnas presentan capiteis de forma acampanada e escasa decoración segundo os preceptos de austeridade, e as basas adoptan o modelo ático. No interior da igrexa tamén se conserva unha notable mostra de retablos barrocos de afamado arquitectos e tallistas coma Fernando de Casas, Xerónimo de Castro ou Miguel de Romay, ademais do sarcófago de D. Pedro de Miranda e a súa esposa e unhas impresionantes pinturas murais datadas entre 1623 e 1626, localizadas na xirola do templo.
No exterior destaca a fachada principal presidida polo rosetón e a portada abucinada con arquivoltas decoradas, así coma a porta de madeira orixinal do século XIII e o seu impresionante traballo de forxa. Os muros da igrexa, construída mediante perpiaños e cachotería e cinguidos por robustos contrafortes, destacando en altura a capela maior e o conxunto de canzorros que a decora (cabezas animais, vexetais, etc).
En canto ás dependencias monacais, pouco sobreviviu do que foi a fábrica do s. XIII e das súas modificacións durante os séculos XVI e XVIII. Adosado á igrexa chegou a nós un tramo abovedado do claustro baixo primixenio que correspondería coa Porta dos Monxes, cuberto cunha bóveda de nervaduras tardogóticas das que tamén se poden apreciar os seus arranques no paramento externo sur da igrexa. Do mesmo xeito mantivéronse restos do claustro novo ou da Portería, un claustro edificado durante o século XV para acoller o Colexio de Filosofía da Orde. Só se conserva unha unha crujía cunha estrutura de dous pisos, organizando o inferior mediante arcos de medio punto apeados sobre columnas de inspiración clásica, e o superior arquitrabado e ornamentado con casetóns rectangulares, sustentado mediante columnas dóricas con zapatas. A fachada tamén se organiza en dous pisos, enmarcada por catro columnas adosadas que arroupan un gran portalón en arco de medio punto. A portada remata mediante un arquitrabe sobre o que se atopa un gran frontón que alberga o escudo da Congregación de Castela coroado por unha peineta co escudo de armas do Concello.