“O museo conta cun fondo duns 4.000 obxectos expostos”

Este ano celébrase o 40 aniversario da súa apertura, non é? Como foi a súa historia?
O Museo Etnográfico Monte Caxado nace no ano 1985 no Colexio Público Monte Caxado das Pontes de García Rodríguez e ten a súa orixe no proceso de expropiacións levado a cabo por Endesa, que naquel momento estaba en pleno auxe, co obxectivo de evitar que ferramentas, apeiros e útiles que formaban parte da vida cotiá desapareceran para sempre; cómpre lembrar que nos anos 40 a Empresa Nacional Calvo Sotelo se instalara no concello, pero aínda así mantivérase o traballo no agro e nos oficios tradicionais, algo que si mudou de forma radical coa chegada de Endesa nos anos 70, cando se produciu o abandono do campo e dos oficios tradicionais para dar paso a unha forma de vida máis industrial e urbana.
Cóntenos un pouco o que podemos atopar no museo.
O Museo conta na actualidade cun fondo duns catro mil obxectos expostos e unha cifra semellante almacenada por falta de espazo, ademais de dous arquivos destacados, un fotográfico con arredor de 4.000 imaxes antigas e outro documental con máis de tres mil documentos, todos eles procedentes de doazóns de veciños e visitantes; as pezas distribúense en diferentes seccións, na planta baixa atopamos escola e xoguetes, moblaxe, emigración, documentación e agro, nas escaleiras hai selos, moedas, billetes, postais, serranchíns, caza, pesca, forno e armas, mentres que no primeiro andar se recollen ámbitos como relixión e crenzas, indumentaria, tear, liño e la, roupa de cama, maquinaria e diversos oficios como zapateiros, zoqueiros, electricistas, fontaneiros, ferreiros ou carpinteiros, ademais de espazos dedicados á cociña, a música ou o lavado da roupa, estando todas as pezas inventariadas de forma dixital.

Que actos se van celebrar con motivo do aniversario?
Con motivo do 40 aniversario do Museo estanse a desenvolver distintas actividades como a presentación de libros de varios autores, das que xa se celebraron dúas no que vai de ano e está prevista outra para o 8 de xuño, así como exposicións temáticas como a recente mostra de pezas de madeira torneadas e talladas e outra en preparación centrada no ferro reciclado de Manuel Armada, ademais da publicación do Caderno do Museo número 8 dedicado a esta conmemoración e que recolle a traxectoria da entidade, sen esquecer a atención continuada ás visitas tanto en horario habitual como a grupos organizados de colexios, asociacións e excursións.
Como se sostén esta iniciativa?
A iniciativa mantense fundamentalmente grazas ao apoio institucional, en particular ás subvencións da Deputación Provincial da Coruña e do Concello das Pontes de García Rodríguez, que permiten garantir o funcionamento e continuidade do proxecto.
Que proxectos de futuro hai?
No que respecta aos proxectos de futuro, o Museo pretende continuar coa elaboración dos Cadernos, manter a atención ás visitas tanto individuais como concertadas, seguir avanzando no inventariado e na dixitalización de pezas, fotografías e documentos, reforzar a colaboración con outras institucións, continuar coa recuperación de novos materiais para evitar a súa perda e seguir difundindo e poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial da contorna.
Ten algunha necesidade?
En canto ás necesidades actuais, a principal é a falta de espazo, xa que sería preciso contar con novas instalacións que permitan expoñer todas as pezas que actualmente se atopan almacenadas e que non poden ser mostradas ao público.
Contan co apoio das institucións?
O Museo conta co apoio do Concello das Pontes para gastos de mantemento e investimento e coa Deputación Provincial para iniciativas como os Cadernos do Museo, o inventariado, a dixitalización e outras actividades, apoio que desde a entidade queren agradecer publicamente; na actualidade o Museo está situado no casco vello, na Vila, concretamente na praza da Igrexa, xunto á Igrexa Parroquial, e depende da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, ofrecendo visitas de martes a venres de 18.00 a 19.30 horas, sábados, domingos e festivos de 11.30 a 13.00 horas, ademais de visitas para grupos de máis de seis persoas mediante cita previa no teléfono 670 509 697 preguntando por José María.
