O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba

TerraChaXa
Por Miriam Fernández Emprazado na rúa Doctor Domingo Goás da capital chairega, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV) ofrécenos de forma gratuíta unha mirada cara a Prehistoria e a Historia Antiga do noroeste peninsular, unha importante oferta cultural que resulta realmente interesante para comprender a historia de Galicia e da Terra Chá.
Míriam Fernández
20 Nov 2018

Por Miriam Fernández

Emprazado na rúa Doctor Domingo Goás da capital chairega, o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV) ofrécenos de forma gratuíta unha mirada cara a Prehistoria e a Historia Antiga do noroeste peninsular, unha importante oferta cultural que resulta realmente interesante para comprender a historia de Galicia e da Terra Chá.

As orixes deste museo están vinculadas estreitamente coa figura de D. José Ramil Soneira (1919-2014), médico de profesión e gran estudoso da arqueoloxía, que en 1966 comezaría coa súa labor de investigación arqueolóxica tras o achado de lascas de sílex preto do que posteriormente sería coñecido coma o primeiro xacemento do Paleolítico Superior do que se ten constancia en Galicia (Santaballa). Coa fin de investigar e dar a coñecer o descubrimento, Ramil púxose en contacto con distintas institucións (Deputación, Universidade, etc.), máis topou cunha rotunda falta de interese e estudos específicos sobre a Prehistoria. Non obstante atoparía os apoios precisos na Sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, dirixida por Bouza Brey, que recoñecerán os hachados e o integrarán na institución, apoiando ademais distintas prospeccións na Terra Chá, na cornixa Cantábrica, na comarca Bergantiños e no litoral sureste pontevedrés, todas elas co obxectivo fundamental de coñecer e por en valor esta etapa fundamental da historia.

Ramil realizará unha primeira etapa de traballo en solitario, localizando abrigos paleolíticos como Pena Grande (Santaballa), Prado do inferno (Muras) os Penedos (Santaballa), varios talleres de silex e xacementos Mesolíticos coma o de Xestido (Xermade). No 1971 a Real Academia Galega galardóao por un traballo sobre Paleolítico superior e a ciencia académica recoñece finalmente os descubrimentos, participando, pasivamente, nas intervencións. Nos anos 80 ata 90 continuarán os traballos cun equipo multidisciplinar na zonas do Xistral, Arnela e Xestido, co descubrimento de 9 abrigos, materiais de cuarzo e sílex e un cazadoiro ó aire libre, entre outros múltiples resultados en distintos enclaves.

No ano 1991 crearíase oficialmente o MUPAV, institución que dende que se impulsarían os posteriores traballos de investigación, cun marco de estudo sobre a poboación do Paleolítico e Mesolítico das serras setentrionais de Galicia, xunto coa labor  de reconstrución paleoambiental da zona. Os materiais atopados nas prospeccións pasarían a formarán parte das bases da colección estable do museo, ás que paulatinamente se sumarían outros restos dos novos descubrimentos, aqueles procedentes de coleccións privadas ou das achegas da veciñanza.

A día de hoxe o MUPAV presenta a mellor e máis completa colección da Idade da Pedra Lascada do noroeste peninsular (dos que destaca Pena Grande, ocupación humana máis antiga de Galicia), expoñendo ó longo das súas distintas salas materiais procedentes de xacementos do Paleolítico inferior, Paleolítico superior, Epipaleolítico e Mesolítico, ademais doutros restos significativos da Idade da Pedra Pulida, Da Idade do Bronce, do Ferro e da ocupación Romana. Presenta un percorrido único ordenado por bloques cronolóxicos, cunha estrutura da montaxe que combina os paneis nos que explican os mecanismos sociais e económicos da época, restos materiais expostos nas vitrinas, maquetas e módulos interactivos. Ademais da exposición permanente o MUPAV completa a súa oferta informativa con exposicións temporais e temas trimestrais.

Compre por tanto por en valor a importancia deste museo chairego, o cal recolle os restos máis antigos da nosa historia, axudándonos a comprender todos os procesos económicos e sociais que xurdirían posteriormente. Unha “semente” ignorada durante décadas e que supuxo o xerme da sociedade actual.

Fachada do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba
0.15416693687439