O Museo do Castro de Viladonga acolle unha xornada sobre a paisaxe ao longo do tempo

LugoXa | TerraChaXa
Será o 30 de abril, unha xornada divulgativa para achegar ao público a evolución da paisaxe galega desde a antigüidade ata a actualidade
castro-de-viladonga
21 Apr 2026

O Museo do Castro de Viladonga organizará o próximo 30 de abril unha xornada divulgativa baixo o título Relatos sobre a paisaxe no tempo, unha proposta que combina relatorios e actividades prácticas para achegar ao público a evolución da paisaxe galega desde a antigüidade ata a actualidade.

A programación comezará ás 10:30 horas cunha sesión inaugural na que se realizará unha queima do paramento de pallabarro, a cargo de Alexandre Paz Camaño. A continuación, ás 11:00 horas, desenvolverase un relatorio centrado na arqueobotánica e no papel de especies como carballos, toxos, acivros e abeleiras na configuración das paisaxes da Idade do Ferro, impartido por María Martín Seijo, investigadora do Incipit-CSIC.

Ás 12:00 horas será a quenda de Francisco Folgueira Ríos, da Universidade de Santiago de Compostela, quen abordará a formación da paisaxe galega durante o Alto Imperio, afondando na relación entre o mundo rural e urbano nese período histórico.

A xornada continuará ás 13:00 horas cun obradoiro práctico dirixido por Nuria Romero Vidal, tamén do Incipit-CSIC, no que as persoas participantes poderán aprender a identificar madeiras a través do xogo e da experimentación.

O encontro pecharase ás 14:00 horas cunha sesión final dedicada á recollida de mostras, na que volverán participar María Martín Seijo e Alexandre Paz Camaño.

Esta iniciativa busca ofrecer unha visión multidisciplinar da evolución da paisaxe, combinando coñecemento científico e actividades participativas, nunha contorna tan emblemática como o Castro de Viladonga. As persoas interesadas poden inscribirse previamente a través do número de teléfono facilitado pola organización.

0.11795115470886