O Museo do Castro de Viladonga celebrará a Noite dos Museos cunha programación especial o sábado

O Museo do Castro de Viladonga celebrará o vindeiro sábado 9 de maio a Noite dos Museos 2026 cunha programación especial que combinará actividades culturais, música e gastronomía para todos os públicos.
A xornada dará comezo ás 17.00 horas con xogos e obradoiros ambientados na época galaico-romana, actividades que estarán dirixidas por Miriam Fernández e Rubén Carricoba, de Clío Xestión Cultural. A iniciativa busca achegar aos asistentes aspectos da vida e da cultura da época castrexa dun xeito participativo e divulgativo.
Ás 18.00 horas será a quenda da actuación musical de Os do Campo, mentres que ás 19.00 horas subirán ao escenario Fransy González e Davide Salvado, dous recoñecidos nomes da música tradicional galega.
A programación concluirá ás 20.30 horas cun encontro arredor de petiscos, bebidas e queimada, nun ambiente festivo para pechar a celebración.
A actividade conta coa colaboración da Asociación de Amigos do Museo e Castro de Viladonga e do Concello de Castro de Rei.