O Museo do Castro de Viladonga inaugura a exposición 'Do Ser e dos Faceres Chairegos'

O Museo do Castro de Viladonga acollerá do 18 de maio ao 5 de xuño a exposición Do Ser e dos Faceres Chairegos, unha mostra impulsada pola Microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra Chá na que participa a Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva.
A inauguración terá lugar o luns 18 de maio ás 10.15 horas e servirá para presentar un proxecto colaborativo desenvolvido polos centros educativos que integran a microrrede chairega, co obxectivo de poñer en valor a identidade, a cultura e as tradicións da comarca.
A exposición recolle distintos traballos realizados arredor dos oficios tradicionais e do patrimonio cultural da Terra Chá, converténdose nun escaparate da creatividade e do labor educativo desenvolvido nos centros participantes.
Durante o acto inaugural están previstas diversas intervencións vinculadas aos oficios tradicionais da comarca, así como un obradoiro musical programado para as 11.00 horas e dirixido por Francisco Castro. A xornada concluirá cunha visita á exposición.
A iniciativa pretende reforzar o coñecemento das raíces culturais chairegas entre o alumnado e a comunidade educativa, ao tempo que promove o traballo colaborativo entre os distintos centros participantes na Microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra Chá.