O Museo do Castro de Viladonga organiza un obradoiro sobre o téxtil na antigüidade

O Museo do Castro de Viladonga acollerá o vindeiro 14 de novembro o obradoiro O téxtil na antigüidade, unha actividade interxeracional que permitirá descubrir como se traballaba o téxtil noutras épocas e coñecer diferentes técnicas tradicionais de tecido e tinguido.
A actividade estará guiada por Miriam Fernández e Rubén Carricoba, de Clío Gestión Cultural, que achegarán ás persoas participantes distintas técnicas de tecido e de tinguidura ao longo da historia. O obradoiro comezará cunha introdución teórica e continuará cunha visita ás pezas da colección do museo relacionadas co tecido, para despois pasar á parte práctica, na que se poderá experimentar co entrelazado de fíos.
A iniciativa está aberta a persoas de todas as idades, xa que se trata dunha proposta interxeracional que busca achegar o patrimonio téxtil e os seus coñecementos a diferentes xeracións.
A xornada desenvolverase en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 16:00 a 19:30 horas, nas instalacións do Museo do Castro de Viladonga.
As prazas están limitadas a un máximo de dez persoas e a inscrición realizarase por rigorosa orde de solicitude. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando ao teléfono 982 870 160.