O Museo do Pan de Baamonde acollerá a proxección de dous documentais sobre a memoria e o patrimonio galego

TerraChaXa
A sesión, que terá lugar o domingo, está organizada polo colectivo Castiñeiro Milenario
proxeccion-documentais-baamonde
13 Jun 2026

A asociación Castiñeiro Milenario organiza este domingo 14 de xuño unha nova actividade cultural coa proxección dos documentais Segadores de Órrea en terras de Castela e Memoria viva do Museo do Pan de Baamonde. O acto terá lugar ás sete da tarde no Muíño do Museo do Pan de Baamonde.

A primeira das obras, Segadores de Órrea en terras de Castela, é un documental dirixido por Vanesa Gómez e Laura Alonso que aborda a dura realidade dos galegos que durante décadas se desprazaron a Castela para participar nas segas. A través de testemuñas directas e cun enfoque etnográfico, histórico, antropolóxico e cultural, a produción reconstrúe un fenómeno que marcou a historia de Galicia desde o século XVII ata a década de 1960. A duración do documental é de 50 minutos.

A continuación proxectarase Memoria viva do Museo do Pan de Baamonde, unha peza audiovisual de 24 minutos que recolle testemuños e documentación co obxectivo de preservar a memoria deste negocio centenario e contribuír á recuperación do patrimonio da Terra Chá. O documental pon tamén en valor o Muíño de Cageao, rehabilitado para amosar a arquitectura tradicional e o proceso de elaboración do pan.

Desde a organización destacan a importancia destas iniciativas para conservar e divulgar a memoria colectiva e o patrimonio cultural galego. Castiñeiro Milenario quixo agradecer expresamente a colaboración do Cercud de Baamonde e do Museo do Pan de Baamonde pola cesión das instalacións para o desenvolvemento desta actividade.

0.14227199554443