O Museo Fortaleza de San Paio de Narla
Por Miriam Fernández
Localizada no lugar da Castronela, Concello de Friol, atopamos a fermosa fortaleza medieval de San Paio de Narla, coñecida tamén como “Torre de Xiá”, en orixe fortín e solar da familia fidalga de Seixas e actualmente museo etnográfico da Deputación Provincial de Lugo, declarada Ben de Interese Cultural en 1994 e baixo a protección da Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español e o Decreto do 22 de abril de 1949.
A edificación, datada dos séculos XII-XIII, posiblemente foi construída sobre un antigo castro da Idade do Ferro, tal e como indican a toponimia e a orografía, atopando as primeiras referencias escritas sobre a mesma no ano 1350, citada como “rocha de Narrela”. Un século despois, os documentos de Vasco de Seixas constatan os danos que esta edificación sufriu no contexto das revoltas irmandiñas, precisando labores de reconstrución para recuperar a súa estrutura. No século XVIII a fortaleza cambiará de propietarios, da familia Seixas pasa a mans da familia Campomanes, e no XIX os Campomanes venderanlla á familia Novo, penúltimos propietarios que se desfarán dela ante un novo ofertante que pretendía derrubala para aproveitar a súa pedra. En 1939, por iniciativa de Manuel Vázquel Seixas, director do Museo Provincial de Lugo por aquel entón, a Deputación adquirirá o inmoble, o cal permanecerá sen uso ata 1983, cando o arqueólogo Felipe Arias Vilas decide adicarlle a sección de etnografía da Rede de Museos Provinciais de Lugo, creando deste xeito o que hoxe coñecemos como Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla.
O edificio, un dos mellores conservados do seu estilo na provincia e en Galicia, esta formado por tres corpos de altos muros principalmente construídos mediante perpiaños de granito, que se cerran a un patio central de planta rectangular e arcos xeminados de medio punto nos laterais. Na parte inferior atópanse as cortes e outras estancias de servizo, accedendo ó piso mediante unha escaleira granítica que da paso á segunda planta, onde se atopan as alcobas, á fermosa cociña de grande lareira, o salón con cheminea e parladoiro e demais estancias.
A este conxunto, onde se desenvolvería a vida diaria familiar, anéxase unha maxestosa torre do homenaxe de 9 x 11 metros de perpiaños de granito de tres plantas con soto (cárcere), nas que destacan unha ventá con parladoiro e unha cheminea renacentista. No exterior a torre está rematada con almeas de vértices triangulares e dúas gárgolas cilíndricas en cada muro. A carón da porta de entrada (con escudo familiar) do conxunto ou fortaleza, encóntrase unha pequena capela cuadrangular cun retablo do s. XIX, no cal destaca unha talla popular ou imaxe de San Paio. No lado externo da rampa que leva a esta porta de acceso, atopamos tamén un pequeno pero fermoso pombal circular realizado mediante cachotes de pedra.
En canto á función museística deste edificio, trátase dun lugar no que se mostran tanto as labores e apeiros das actividades agrícolas e oficios artesáns coma aqueles elementos que se conservan das familias fidalgas que habitaron a fortaleza, aportando un valor tanto etnográfico coma histórico. Na planta baixa atopamos unha coleción relacionada cos oficios tradicionais (unha coroza, cestas e apeiros de cestería, aparellos de zoqueiro, un carro, apeiros de labranza etc), elementos propios da estancia adicada a adega, cadeiras de montar e palanquíns na zona das cortes. Na parte superior destaca a cociña galega de lareira con mobiliario e cacharros típicos, o salón da chimenea (mostras de xoiaría reloxos de parede e mobiliario e obxectos litúrxicos), unha sala do tear con apeiros do traballo téxtil, unha sala de escribanía e artes industriais e unha alcoba completa (cama, berce, lavabo, etc.). En canto ás estancias da torre, na primeira atopamos unha colección de armas brancas de diversa forma e procedencian (espadas, machetes, krises, unha katana, etc.) xunto cunha armadura samurai do s.XVII. Na segunda exponse unha variada colección de armas de fogo e unha armadura de cota de mallas, e, na terceira, unha estancia con chimenea renacentista decorada mediante motivos zoomorfos e fitomorfos (plantas), acompañada dunha cama de decoración militar. Dende esta última estancia accédese á parte superior aterrazada da torre, dende a que se poden observar unhas impresionantes vistas do lugar.
Ademais da súa beleza arquitectónica, o museo de San Paio de Narla é en si mesmo unha referencia en canto a museo etnográfico, pois permítenos coñecer nun mesmo lugar tanto a forma de vida tradicional de campesiños coma dos nobres galegos dende a época medieval.