O Museo Monte Caxado e a Casa do Mel intégranse dentro da Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra

TerraChaXa
Un total de trece museos e centros de interpretación acaban de pór en marcha a Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra.
museos ferrolterra descritos
museos ferrolterra descritos
7 ago 2023

Un total de trece museos e centros de interpretación acaban de pór en marcha a Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra. Esta nova entidade pretende sumar sinerxías, compartir experiencias e favorecer a visibilidade destes espazos na comarca. Como primeiro proxecto conxunto das entidades participantes, a Rede acaba de publicar un tríptico no que se localizan as mesmas e se dan a coñecer os variados contidos que as vertebran.

Na actualidade fan parte do proxecto o Museo Naval, o da Construción Naval e o de Historia Natural de Ferrol, o Museo Mares e o Castelo da Concepción en Cedeira, o Etnográfico da Capela, o Etnográfico Monte Caxado das Pontes, o Museo Pérez Porto de cerámica (Esmelle), o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene, o Centro de Interpretación de Caldoval (Mugardos), a Casa do Mel de Goente, o Océano Surf Museo (Valdoviño) e o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, situado en Moeche.

De cara ao futuro, a Rede non desbota incorporar novos espazos da zona, e prevé organizar unha exposición conxunta que dea a coñecer o proxecto para o vindeiro mes de setembro.

Froito da colaboración e das xuntanzas desenvolvidas nos últimos meses xurdiu xa o primeiro proxecto conxunto: un tríptico con información de cada nun dos museos que forman parte da rede e a súa localización no mapa.

O próximo paso que os integrantes da rede teñen xa en mente pasa pola súa presentación pública a través dunha exposición conxunta que podería ter lugar, previsiblemente, no mes de setembro no Museo Naval de Ferrol.