“O noso proxecto máis próximo será posiblemente facer outra ampliación”

Máis de 15 anos avalan a Reparaciones Carlos, empresa do sector automotriz, situada na localidade de Xermar, en Cospeito. Esta empresa está centralizada na reparación de maquinaria, incluído chapa e pintura, pero tamén en todo tipo de problemas mecánicos, para diferentes motores, e tamén nos complementos como a electricidade e electrónica ou o aire acondicionado. Está especializado en 4x4 e enfocados no cliente e en optimizar resultados de cada un dos traballos que realizan.
Á fronte deste negocio cospeités está Juan Carlos Penelas Fernández, que lidera un equipo multidiscipliar de profesionais de primeiro nivel cunha sólida reputación na comarca.
Reparaciones Carlos conta con dúas liñas de negocio.
Pode explicarnos un pouco en que consiste cada unha delas?
Si, contamos con dúas liñas que tamén están relacionadas. Nunha delas levamos a Marca Husqvarna Bosque y Jardin para dar sustento á zona de maquinaria de xardín e forestal. Neste apartado intentamos ser competitivos en prezos e en tempo de reparación. Na outra liña dedicámonos á reparación en xeral, por un lado reparamos turismos e furgonetas sendo ademais especialistas en todo terreo 4x4 xa que eu me dediquei desde os meus comezos a reparar este tipo de vehículos. Ademais, reparamos maquinaria agrícola e industrial de todo tipo, ao que engadimos, como non podía ser doutro xeito, maquinaria de xardín e motoserras.
Como e cando xurdiu a idea de crear este negocio?
A idea de crear este negocio vén desde sempre. Era o meu soño, unha meta que quería conseguir, e ao final con constancia e tesón puiden conseguilo.
Ampliouse ao longo dos anos?
Si, empezamos nun local pequeniño aló por febreiro de 2010. Despois, no 2016 xurdiu a idea de ampliar chegando a inaugurar a nave que temos agora o 5 de novembro de ese ano.
Por que se escolleu Cospeito?
Iso foi por dúas razóns moi claras, unha porque eu son dos que pensan que o medio rural se non hai quen mire por el morrerá, e a outra porque tiña o obxectivo de ser útil para a miña comarca.
Cal é o sinal de identidade de Reparaciones Carlos?
É difícil definir un único punto, pero creo que máis destacado é a ampla variedade que temos nas distintas liñas de reparación.
Cal é o produto máis vendido no sector do bosque e xardín?
Aquí non sabes nunca cal vai ser, depende un pouco, en outono as motoserras, na primavera cortacéspede e desbrozadoras, e todo o ano os robots cortacéspede.
Cales son as particularidades que teñen?
Penso que un pouco a calidade que nos dá a marca coa que traballamos, con todas as posibles avarías que podan ter non deixan de ser moi fiables.
No relativo ás reparacións, cales son as máis solicitadas?
No tema de reparacións, un pouco as que podería destacar como son as avarías un pouco raras, xa que é raro que non nos teñamos que pelexar con algunha todas as semanas.
Actualmente con cantos empregados conta?
Hoxe en día conto con catro empregados, ademais da miña muller e máis eu.
Cales son os proxectos de futuro máis inmediato?
Pois o proxecto máis próximo, seguramente, sexa facer outra ampliación. Andamos dándolle voltas á cabeza sobre como imos organizalo e que liñas seguiremos desenvolvendo.
Como está actualmente este sector en Galicia?
O sector en Galicia vexo bastante ben no que toca a traballo, traballo non nos falta, pero referente aos traballadores percíbese moita falta de man de obra cualificada, pero vexo que os demais sectores tamén están parecido, entón a solución está en botarlle algo de paciencia.