O obradoiro Terra Chá no Camiño centrarase na dixitalización do arquivo e nas obras de Coronel Peña
O Concello de Vilalba reforza a súa aposta por impulsar a inserción laboral dos seus veciños e veciñas con diferentes actividades formativas e prácticas laborais.
Desde esta semana, Vilaba, en colaboración con Abadín, acolle o obradoiro de emprego Terra Cha no Camiño II, que rematará en xullo de 2022 coa participación de 20 alumnos.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e Ignacio Criado, concelleiro de Medio ambiente e Rural, estiveron cos alumnos do obradoiro, financiado pola Consellería de Emprego da Xunta.
No caso de Vilalba, haberá seis alumnos formándose en Operacións auxiliares de gravación e tratamento de datos e documentos, seguindo co proxecto de Organización e dixitalización do arquivo municipal de Vilalba; e oito alumnos en Pavimentos e albanelaría de urbanización, desenvolvendo a súa formación co proxecto humanización da travesia Coronel Peña no casco urbano de Vilalba.
Trátase dun programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas para a obtención de cualificacións profesionais, ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública e interese social.
“Con este tipo de obradoiros melloramos a empregabilidade dos participantes, que obteñen a cualificación necesaria para optar a postos de traballo; aínda que os concellos non temos competencias directas en materia de emprego, temos que facer todo o posible para axudar á nosa veciñanza”, afirma Elba Veleiro.