O Orzamento de 2026 de Outeiro de Rei queda aprobado definitivamente tras o rexeitamento das alegacións do BNG

TerraChaXa
O pleno extraordinario desestimou as reclamacións presentadas pola formación nacionalista e deu luz verde ás contas municipais
OUTEIRO DE REI pleno 03.08.2026
3 Aug 2026

O Concello de Outeiro de Rei celebrou este luns un pleno extraordinario para resolver as alegacións presentadas polo BNG ao Orzamento Municipal de 2026 durante o período de exposición pública. Tras desestimalas, a corporación aprobou definitivamente as contas do presente exercicio.

A proposta saíu adiante con nove votos a favor, tres en contra e unha abstención, permitindo que as contas entren en vigor unha vez rematado o procedemento administrativo.

Segundo o goberno municipal, os informes xurídicos e técnicos conclúen que as alegacións presentadas non se encadran nos supostos previstos pola lexislación para impugnar un orzamento municipal. Entre os argumentos recollidos figuran que o procedemento de elaboración e aprobación das contas se axustou á normativa vixente e que non se aprecia ningunha irregularidade que impida a súa aprobación definitiva.

O executivo local tamén sostén que a convocatoria do pleno e da comisión informativa respectou os prazos establecidos, que non era preceptivo o informe da Comisión Especial de Contas para este trámite e que a aprobación das liquidacións orzamentarias constitúe un procedemento independente da aprobación do orzamento.

Coa aprobación definitiva das contas, o Concello sinala que poderá continuar coa planificación económica prevista para este exercicio, garantindo a execución dos investimentos e dos servizos municipais recollidos no documento orzamentario.

0.1284658908844