O Padre Isla

TerraChaXa
Por Lucía Otero Gato Hoxe falaremos dun dos escritores máis importantes do século XVIII en España: o xesuíta José Francisco de Isla y Rojo, coñecido como Padre Isla.
Lucía Otero Gato
15 Feb 2019

Por Lucía Otero Gato

Hoxe falaremos dun dos escritores máis importantes do século XVIII en España: o xesuíta José Francisco de Isla y Rojo, coñecido como Padre Isla. José Francisco de Isla naceu o 25 de abril de 1703 en Vidanes (León), cando os seus pais pasaban por alí de camiño a un santuario ao que se ofreceran. Isla viviu a súa infancia e adolescencia en Valderas (León), pobo natal da súa nai. Foi precisamente a súa nai quen lle ensinou a ler e escribir. Aos 11 anos graduouse como bacharel en leis, algo que só lograban as persoas posuidoras dunha intelixencia extraordinaria. Tras unha breve —e non moi feliz— experiencia amorosa, aos 16 anos José Francisco entra na Compañía de Xesús. Sendo xa xesuíta, estuda en Salamanca filosofía e teoloxía.

O principal mestre de Isla foi o ourensán Luis de Losada y Quiroga, con quen escribiu en 1727 “La juventud triunfante” —obra que relata os festexos organizados polos xesuítas salmantinos coa ocasión da canonización de San Luis Gonzaga e San Estanislao de Kostka—. Ese ano de 1727 Isla foi nomeado profesor de Sagrada Escritura. A partir deste momento acentúase o seu labor literario, inicialmente como tradutor, logo como escritor. En 1732, con 29 anos, publica o primeiro libro escrito integramente por el: “Cartas de Juan de la Enzina, contra un libro que escribió don José de Carmona, cirujano de la ciudad de Segovia, intitulado: Método racional de curar sabañones”, ao que seguiu o exitoso “Triunfo del amor y de la lealtad, día grande de Navarra” (1746) —relación satírica da aclamación de Fernando VI—.

Non obstante, a obra mestra do autor xesuíta (pola que sempre será recordado) é “Historia del famoso predicador fray Gerundio de Campazas, alias Zotes”, publicada en dúas partes, que se converteu no best seller da época. A novela, apodada o “Don Quixote dos predicadores”, constitúe una crítica da oratoria sagrada pomposa e de estilo barroco decadente. A primeira parte de “Fray Gerundio” apareceu entre o 22 e o 23 de febreiro de 1758 co pseudónimo de don Francisco Lobón de Salazar, cura párroco de Villagarcía de Campos. Nas vinte e catro horas iniciais, vendéronse 800 exemplares dos 1500 que se imprimiran, o que nos dá unha idea do fulminante éxito que tivo o libro. O 17 de marzo dese mesmo ano a Inquisición paralizou a impresión da segunda parte debido a que a varias ordes relixiosas amantes da predicación pedante —trinitarios, dominicos, agostiños, carmelitas e franciscanos— non estaban de acordo co que se dicía na obra. Finalmente, a segunda parte terminou saíndo clandestinamente en 1768.

A persoa máis importante na vida do Padre Isla foi a súa querida irmá, María Francisca de Isla y Losada —escritora en lingua galega—, con quen estivo en permanente contacto. O Padre Isla, cristián de corazón magnánimo, escribía moito na soidade da súa cela, porque así o quixo. Tamén viaxou bastante, sobre todo para visitar a María Francisca e ao seu cuñado Nicolás de Ayala, que residían en Galicia. Por enriba de todo, José Francisco de Isla era unha persoa boa e caritativa, que non facía dano a ninguén (que é o máis importante). A súa gran humanidade reflíctese nas súas accións, nas súas cartas e nas súas obras de ficción. Xa se sabe que o que nace de boa fe non coñece a maldade. Isla, ao contrario que outros relixiosos do momento, non facía do branco negro. Morre en Bolonia o 2 de novembro de 1781, aos 78 anos de idade.

0.16119194030762