O PAI de Pastoriza ofrece 20 prazas para a atención á infancia de 0 a 3 anos

O Punto de Atención á Infancia (PAI) de Pastoriza ofrece un servizo de atención directa, personalizada e próxima ás familias, cunha proposta centrada no desenvolvemento integral dos nenos e nenas e no respecto á súa afectividade e necesidades.
O centro dispón dunha única unidade para menores de 0 a 3 anos, con 20 prazas autorizadas. Ademais, contempla a posibilidade de reservar unha praza para casos de carácter urxente, vinculados aos servizos sociais. O PAI tamén ofrece a opción de integrar nenos e nenas con necesidades educativas especiais, previa consulta.
O servizo funciona de luns a venres, en horario ininterrompido de 8:00 a 16:00 horas, e permanece aberto desde setembro ata xullo. A matrícula está aberta durante todo o curso, polo que as familias interesadas poden presentar a súa solicitude en calquera momento, sempre que existan prazas dispoñibles.
O PAI sitúa entre os seus principios o respecto e a tolerancia, a autonomía e independencia, a socialización, o respecto á individualidade e á diversidade, a colaboración, a creatividade, a responsabilidade e a solidariedade. Entre os seus obxectivos figuran favorecer que os pequenos coñezan o seu propio corpo e respecten as diferenzas, exploren o contorno familiar, natural e social, desenvolvan a súa autonomía nas actividades diarias e adquiran capacidades afectivas e de convivencia.
O centro conta cun equipo profesional con experiencia e formación especializada na atención á primeira infancia, co propósito de ofrecer aos nenos e nenas unha etapa marcada pola aprendizaxe, o xogo e o cariño.
As familias poden obter máis información no teléfono do PAI, 982 33 22 04, ou no Concello de Pastoriza, no 982 33 21 97. O centro está situado na rúa Campo das Rosas, número 3, en Pastoriza.