O PAI de Pol estará rematado no mes de novembro para atender a 25 nenos

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O novo equipamento situarase na área deportiva da localidade, ao carón da pista de pádel, nun pequeno edificio deseñado especificamente para albergar este servizo
deseno-novo-pai-pol
3 Aug 2026

O Concello de Pol contará o vindeiro mes de novembro cun novo Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo destinado a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos que permitirá atender ata 25 menores e ampliar os recursos de conciliación para as familias do municipio. O proxecto executarase grazas ao financiamento da Deputación de Lugo, que aprobou un convenio co Concello dentro dun paquete de investimentos destinado a reforzar os servizos municipais.

O novo equipamento situarase na área deportiva da localidade, ao carón da pista de pádel, nun pequeno edificio deseñado especificamente para albergar este servizo educativo e asistencial. A previsión do goberno local é que as obras estean completamente rematadas durante o mes de novembro, co obxectivo de que o centro poida comezar a funcionar canto antes.

O alcalde, Lino Rodríguez Ónega, puxo en valor a importancia desta infraestrutura para un concello do rural que busca seguir ampliando os servizos públicos e ofrecer máis facilidades ás familias con fillos pequenos. “O importante é seguir dando servizos aos veciños e veciñas”, destacou.

O rexedor explicou que o PAI nace coa intención de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, ofrecendo unha ampla franxa horaria que se estenderá, previsiblemente, desde as oito da mañá ata as cinco da tarde. “Queremos dar todas as opcións posibles e intentar conciliar a vida familiar e laboral, axudando aos pais con nenos pequenos mentres non van ao colexio”, sinalou.

Rodríguez Ónega incidiu tamén en que este tipo de recursos poden contribuír a facer máis atractiva a vida no rural nun contexto marcado polo descenso da natalidade. “Debido á escaseza da natalidade, isto pode servir de axuda”, asegurou, convencido de que a existencia de servizos para a primeira infancia é un factor que pode favorecer que as familias decidan permanecer ou establecerse no municipio.

O edificio contará cun deseño funcional pensado para garantir tanto a comodidade dos menores como a supervisión constante por parte do persoal. Disporá de dúas áreas claramente diferenciadas: unha sala destinada ao xogo e ás actividades educativas e outra zona reservada para o descanso e as comidas. Ambos espazos estarán separados por unha cristaleira que permitirá manter en todo momento o control visual dos nenos e nenas.

A actuación forma parte dos convenios de cooperación aprobados pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, que destinará máis de 200.000 euros ao Concello de Pol para facer realidade este Punto de Atención á Infancia e reforzar tamén o mantemento da zona deportiva e das piscinas municipais.

Segundo explicou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, este investimento enmárcase dentro dun paquete global de 2,7 millóns de euros destinado a fortalecer a cooperación cos concellos, apoiar o tecido produtivo e mellorar as infraestruturas e os servizos públicos da provincia.

A responsable provincial subliñou que o novo PAI permitirá ofrecer atención educativa aos nenos e nenas de 0 a 3 anos, favorecendo a conciliación das familias e contribuíndo á fixación de poboación no rural, un dos principais retos demográficos aos que se enfrontan concellos como Pol.

Co horizonte posto no mes de novembro para a finalización das obras, o Concello confía en incorporar un servizo moi demandado pola veciñanza e que suporá un importante reforzo da oferta asistencial e educativa para as familias con menores de curta idade, consolidando unha aposta por manter e ampliar os servizos públicos como ferramenta para mellorar a calidade de vida no municipio.

0.12121200561523