O Parga Rock ultima os preparativos para a súa novena edición, con Girlschool e Alcatrazz como grandes reclamos

O Parga Rock encara os últimos preparativos para a súa novena edición, que terá lugar os días 4 e 5 de setembro na Carballeira de Parga, en Guitiriz. O festival volverá reunir durante dúas xornadas bandas internacionais, formacións galegas e propostas vinculadas ao hard rock, o heavy metal e o punk, mantendo a súa aposta pola entrada gratuíta e por converter Parga nun punto de encontro para as persoas amantes da música rock.
A organización realizou no CIT de Parga o acto de presentación desta nova edición, no que participou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira. Durante a presentación púxose en valor a importancia do festival como unha das citas musicais destacadas do municipio e avanzáronse os detalles dunha programación que volverá levar a música en directo á Carballeira de Parga.
A organización agradeceu tamén a colaboración da Rede Creativa, que cedeu a guitarra decorativa utilizada durante o acto de presentación como elemento representativo do festival.
O cartel desta edición estará encabezado por Girlschool, unha das formacións máis importantes da New Wave of British Heavy Metal. A banda británica, con máis de cinco décadas de traxectoria, chegará a Parga coas integrantes fundadoras Kim McAuliffe e Denise Dufort, xunto a Jackie Chambers e Olivia Airey.
Outro dos grandes nomes será Alcatrazz, formación estadounidense de referencia no hard rock e o heavy metal creada en Los Ángeles en 1983. O grupo contará en Parga con dous dos seus membros fundadores, Jimmy Waldo e Gary Shea, acompañados polo guitarrista Joe Stump e o vocalista Giles Lavery.
A programación completarase coas actuacións de Scarecrow, Mr. Kamándula, The TwinPims, The Eskarallas e Satxa. O festival pechará coa actuación de Pensando en Ti, banda tributo a Los Suaves, mentres que as sesións de DJ Coutinho e Jordi Pánico contribuirán a manter o ambiente musical durante os diferentes momentos da fin de semana.
Ademais da programación musical, o Parga Rock contará con actividades paralelas como o Aberto de Billarda e unha sección infantil, ampliando a proposta para diferentes públicos.
A Carballeira de Parga volverá así ser o escenario dunha fin de semana dedicada ao rock, cun programa que combina nomes históricos do panorama internacional con bandas galegas e novas propostas. A organización ultima xa os detalles para que todo estea preparado os días 4 e 5 de setembro.