O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para reforzar as oficinas agrarias comarcais
A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta o reforzo dos recursos materiais e humanos das Oficinas Agrarias Comarcais. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Raúl Fernández, sinalou o seu papel “clave” á hora de atraer e fixar poboación e actividade económica no rural e de asesorar a gandeiros e agricultores.
O responsable socialista emprazou ao goberno galego a utilizar as Oficinas Agrarias Comarcais como “servizo público de referencia e proximidade” e sinalou a súa “función clave” para a “dinamización da poboación e da actividade do rural”. Sinalou que a crise de poboación do rural fai a estes instrumentos “máis necesarios que nunca” para atraer poboación a un medio en risco.
Acusou ao goberno galego de ter deixado esmorecer ás Oficinas Agrarias Comarcais, limitando os seus recursos materiais e humanos ata limitalas a un papel de “xestoras de tramitación” que “non é dende logo o máis importante”. Sinalou a urxencia de dotar estes servizos de recursos “potentes” para vehicular unha “acción transversal imprescindible” para o rural.
Advertiu neste sentido que “non se pode estandarizar o conxunto das OAC de xeito que os medios materiais e humanos sexan os mesmos” porque “cada territorio ten condicións, realidades e sectores clave diferentes” e esixen respostas diferenciadas dende a administración.
Fernández emprazou ao goberno galego e aos representantes institucionais a “ser activistas do rural para encetar políticas transversais que permitan o seu desenvolvemento” a partir da difícil situación actual, con apenas o 20 por cento da poboación espallada polo 80 por cento do territorio total de Galicia.