O Parlamento aproba unha proposta socialista para poñer atención sobre o Santo Anxo de Rábade

TerraChaXa | LugoXa
O Parlamento aproba por unanimidade unha proposta socialista para pedirlle a Política Social que reciba ao equipo do Santo Anxo de Rábade.
santo anxo rabade
santo anxo rabade
30 Abr 2021

A Comisión de Política Social do Parlamento vén de aprobar unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para urxir á Consellería que reciba ao equipo educativo do Centro de Menores Santo Anxo de Rábade. A portavoz socialista, Marina Ortega, lembrou as chamadas de atención do equipo educativo do centro, que leva agardando unha reunión por parte da Consellería de Politica Social dende o ano pasado, para trasladar os graves problemas que existen na xestión do centro polo desleixo da administración autonómica.

Ortega advertiu de que o centro, con capacidade para acubillar 32 usuarios, mantén 4 menores, e a directiva reporta graves problemas de conduta que “poñen en perigo o traballo dos profesionais, dificultan a calidade do servizo e o interese superior dos menores”. Salientou a preocupación dos educadores fronte ás circunstancias dos menores ingresados no centro, ata o punto de que en numerosas ocasións derivan nun centro de reforma con causas xudiciais ou condutas delictivas.

A parlamentaria socialista apuntou á “mala xestión” destes recursos por parte do goberno galego, que “usa recursos sen control, nin sentidiño nin coñecemento de causa”, cun centro como o de Rábade que ten a inmensa maioría de prazas descubertas, fronte á saturación rexistrada por exemplo no centro Montealegre de Ourense. Dixo que “a xestión de recursos ao chou non serve”, e reclamoulle que atenda á información dos profesionais.

Ortega alertou da “ignorancia absoluta” amosada por parte da conselleira con relación á situación dos menores, sinaladamente logo de que nunha recente entrevista radiofónica relacionara a crise social e a falla de recursos co incremento no número de menores tutelados”. A responsable socialista sinalou a “indignacón” amosada polas asociacións do sector, e explicou que a falla de recursos “non ten nada que ve coa retirada da tutela”.

Engadiu que “se hai un agravamento nas condicións do coidado dos menores, aí ten que estar administración –para apoiar-, pero nunca hai unha retirada de custodia ligada á falla de recursos”, e urxiu á conselleira a rectificar as súas afirmacións.

Proposta

A iniciativa aprobada reclámalle á Consellería que programe de inmediato unha visita ou xuntanza co equipo directivo “para coñecer a situación e actuar” con medidas urxentes. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, foi transaccionada para reclamar un estudo sobre a sitaución do centro e estudar as reformas necesarias na normativa e os protocolos do centro para responder á situación dos menores internos”.

0.18684315681458