O Parlamento demanda unha Fundación de Investigación Agraria Aplicada para Galicia

TerraChaXa
O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta de Galicia a creación dunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia, sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros de investigación da Consellería do Medio Rural.
25 sep 2020

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta de Galicia a creación dunha Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia, sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e nos centros de investigación da Consellería do Medio Rural.

O deputado do Grupo Popular Daniel Vega explicou que “o que se persegue con esta nova entidade é, por unha banda, obter alimentos seguros, saudables e de calidade, con alto valor engadido; e, por outra parte, ter unhas explotacións sostibles, baseadas en factores como a predición do comportamento da demanda, a valorización de subprodutos e refugallos, a capacidade de adaptación ao cambio climático, a optimización e preservación do medio natural, e o alongamento da vida dos produtos”.

Neste sentido, Daniel Vega engadiu que a Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia “crearase cun triplo obxectivo: o primeiro, de transferencia e impacto para a mellora dos produtos, a súa rendibilidade, calidade e seguridade; o segundo, dispor dun modelo organizativo que permita a sostibilidade económica, a captación e retención de talento; e terceiro, a colaboración público-privada efectiva e a dixitalización dos procesos administrativos”.

“A Consellería do Medio Rural configurarase como o polo estratéxico da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector agroalimentario de Galicia, reforzándose así as súas competencias para o impulso da transferencia nos eidos agrario, gandeiro e forestal”, indicou.

Coa posta en marcha desta fundación, o deputado popular sinalou que “se intensificarán os esforzos para cubrir as necesidades da sociedade galega vinculadas á I+D+i agraria, considerando aspectos como a trazabilidade e dixitalización da cadea de valor alimentaria, o desenvolvemento de novos produtos, os métodos e tecnoloxías de análise para a valoración das condicións organolépticas e o deseño ecoeficiente”.

0.11688804626465