O parque de bombeiros das Pontes recibe un novo camión con autoescada

TerraChaXa
Con esta adquisición, todas as comarcas da Coruña nas que interveñen os bombeiros do consorcio contan xa un vehículo de rescate en altura
camion-bombeiros-as-pontes
2 Oct 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villlanueva, participaron esta mañá na sede do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento en Carballo no acto de entrega de dous novos camións con autoescada que prestarán servizo nos parques comarcais de bombeiros de As Pontes e Arzúa. No acto participou tamén o xerente do Consorcio, José Luís Barca.

Con esta adquisición, todas as comarcas da provincia da Coruña nas que interveñen os bombeiros do Consorcio contan xa cun vehículo de rescate en altura, o que supón un fito na cobertura do territorio e na capacidade de resposta ante emerxencias.

Formoso destacou que o Consorcio presta "un servizo público esencial, moi valorado pola cidadanía, que require un importante esforzo inversor tanto en medios materiais como humanos". Neste sentido, subliñou que a compra destes dous vehículos supuxo un investimento de 330.000 euros, que se suma ao reforzo de persoal previsto para o exercicio 2025-2026, cun incremento de 50 efectivos e a aplicación de melloras salariais para os bombeiros.

"Estamos ante unha aposta ambiciosa e compartida entre Deputación e Xunta para dotar os parques comarcais dos mellores medios posibles", afirmou o presidente provincial.
Vehículos adaptados para rescate e intervencións en altura

Os dous camións autoescada adquiridos polo Consorcio son de segunda man e foron asignados ao parque de Arzúa —que contará por primeira vez cun vehículo destas características— e ao de As Pontes, onde substituirá ao antigo autobrazo retirado por avaría grave.

Trátase de dous vehículos montados sobre chasis MAN e SCANIA, con autoescadas hidráulicas de 4 tramos extensibles, capaces de alcanzar os 32 metros de altura. Dispón dunha cesta desmontable cunha capacidade de ata 270 kg (3 persoas), torre xiratoria de 360 graos, armarios laterais para material auxiliar, e sistemas avanzados para facilitar as tarefas de rescate, salvamento e extinción de incendios en altura.

Con esta adquisición, o Consorcio continúa a modernización do seu parque móbil e reforza a seguridade e operatividade nos dez parques comarcais que cobren o territorio da provincia da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.095726013183594