O parque eólico Batifol obtén luz verde para a súa construción en Lugo

Pol
GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Promovido nos concellos lucenses de Castroverde, Castro de Rei e Pol, vén de recibir a autorización administrativa previa e a de construción por parte da Xunta
recurso-eolico-enerxia
27 Jun 2026

O proxecto do parque eólico Batifol, promovido por Naturgy Renovables nos concellos lucenses de Castroverde, Castro de Rei e Pol, vén de recibir a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción por parte da Xunta de Galicia, un paso que permite avanzar na execución desta infraestrutura enerxética.

A resolución, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), dá o visto e prace tanto ás instalacións do parque como ao proxecto de execución presentado pola compañía para desenvolver esta instalación de xeración renovable, que contará cunha potencia total de 12,47 megavatios (MW).

Segundo a documentación aprobada, o parque eólico terá unha produción neta estimada de 29.616 megavatios hora anuais (MWh/ano), cunhas 2.375 horas equivalentes netas de funcionamento. O investimento previsto para a execución material do proxecto ascende a preto de 10,7 millóns de euros.

A instalación estará situada entre os municipios de Castroverde, Castro de Rei e Pol, reforzando a presenza da enerxía eólica na provincia de Lugo e contribuíndo á produción de electricidade a partir de fontes renovables. Coa obtención destas autorizacións, Naturgy poderá continuar coa tramitación necesaria para poñer en marcha o parque eólico Batifol.

0.1275749206543