O peche da térmica de Endesa trae un ERE, demandas do BNG e un convenio para As Pontes
O peche da central de Endesa nas Pontes volve saír á palestra coa intervención do deputado do BNG, na que urxe ao Goberno a subastar a capacidade de evacuación da térmica. Esta nova xuntouse co anuncio da auxiliar Maessa dun ERE de extinción aos 38 empregados que ten na fábrica. Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou tamén onte a sinatura dun convenio para a construción e posta en marcha dun centro loxístico.
O deputado autonómico do BNG Ramón Fernández reclamou ao Goberno central que saque a concurso o nó de evacuación dos “1.400 megawatts (MW) que quedan libres no sistema eléctrico coa o peche da central térmica de Endesa nas Pontes”, á vez que criticou que “desde Rede Eléctrica Española (REE) aserguren que non hai dita capacidade”. Fernández detallou que o Goberno “deseñou un proceso denominado convenios de Transición xusta, destinados a evitar os efectos traumáticos que o cesamento de actividade nas térmicas puidesen ter sobre o emprego, sobre a economía e sobre a vida en xeral das localidades e os territorios onde se asentaban”.
“O principal activo, e isto é o máis importante destes convenios, é o chamado concurso de transición, un concurso para adxudicar o dereito de conexión á rede eléctrica que ocupaban a térmicas e que agora queda vacante”, agregou. Así, no caso concreto das Pontes, Fernández detallou que esta térmica “ten unha potencia instalada de 1.400 megawatts e por tanto, esta capacidade debese de coincidir co concurso, pero segundo REE a capacidade do nó das Pontes é de cero megawatts”.
O deputado do BNG asegurou que esta situación “é extremadamente grave para o futuro das Pontes e de toda a comarca, xa que o concurso para adxudicar esta conexión é o principal activo do convenio de transición e sen el, pode quedar reducido a mero papel”. Fernández incidiu en que, de convocar este concurso, debe facerse “nun proceso de concorrencia competitiva, onde o Goberno a través dun baremo e con criterios obxectivos, coñecidos e por tanto transparentes, escolle o mellor ofertante en termos cualitativos, económicos e sociais”.
“Hai que escoller o proxecto que mellor se adapte ás condicións e ás necesidades do territorio, no que o adxudicatario ademais ten que depositar garantías bancarias”, agregou. “O que estamos a vivir nas Pontes é como un proceso tómbola, unha sucesión de anuncios, moitos deles incompatibles entre si, un proceso sen certezas e sen garantías”, contrapuxo, antes de avanzar que nos espazos nos que o BNG conta con representación impulsaranse “iniciativas e mocións”. “Dános a sensación de que nos están roubando a carteira”, apostilou, antes de incidir na “preocupación” que se xera, dado que “historicamente” véselles como “meros provedores de electricidade barata”, mentres que noutros territorios “aprovéitanse estes concursos para instalar proxectos industriais”.
ERE EN MAESSA
Esta intervención concide co anuncio da empresa auxiliar Maessa aos representantes sindicais e aos seus 38 traballadores na central térmica de Endesa nas Pontesa da aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para todos os operarios que continúan neste centro de traballo.
A presentación deste ERE arguméntase en que o contrato vixente coa eléctrica finaliza o 30 de novembro e que, por iso, "hai uns prazos para negociar este documento".
O representante de CC OO detallou que "reclamarán que Endesa lles comunique cando vai iniciar o desmantelamento da central das Pontes e que tarefas van acometer os traballadores de auxiliares sen pasar polo desemprego.
CONVENIO PARA UN CENTRO LOXÍSTICO
O Consello da Xunta acordou na súa reunión de onte a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación e o Concello das Pontes de García Rodríguez para a construción e posta en funcionamento dun centro loxístico neste municipio.
A Xunta achegará un total de 250.000 euros, o 25 % do total. Esta infraestrutura localizarase nunha parcela de 9.000 metros cadrados no parque empresarial Penapurreira e constará de dúas naves anexas e unha zona de oficinas cunha superficie construída de 2.000 metros cadrados. Unha das naves estará destinada a uso loxístico e a outra a almacenamento a granel. Tamén haberá unha báscula de pesaxe de camións e unha ampla zona de manobra, carga e descarga.
Deste xeito, o centro loxístico aspira a dinamizar a economía local e paliar o impacto do peche da central térmica. Aprovéitase que na contorna existe unha gran cantidade de empresas e autónomos con vehículos de mercadorías por estrada que nos últimos tempos viron reducida a súa actividade. Deste xeito, a construción deste centro loxístico será unha oportunidade para o mantemento e a creación de emprego.
A previsión é poder asinar este convenio ao longo deste mes e a data límite de xustificación será o 30 de novembro.