O persoal da fábrica de Outeiro de Rei levará a Capsa a xuízo polo incumprimento do convenio
Traballadores e traballadoras de Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) concentráronse en Lugo, coincidindo co acto de conciliación no SMAC pola demanda presentada contra a empresa por incumprimento das garantías salariais do convenio colectivo. A conciliación rematou sen acordo por lo que agora o proceso de reclamación continuará na vía xudicial.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, rexeita a "actitude ruín de Capsa que se nega a cumprir coa cláusula de revisión dos salarios conforme ao IPC real recollida no convenio colectivo, como vía para garantir o mantemento do poder adquisitivo". Neste senso, apunta que a empresa aplicou nas táboas o incremento acordado para 2022 pero fica pendente de aplicar a diferenza co IPC final dese ano.
"Para os traballadores e as traballadoras da fábrica de Outeiro de Rei resulta gravísimo este incumprimento, nun momento ademais no que o custe da vida está disparado e medra a pobreza, xa que a elevada inflación provoca que día tras día os salarios perdan capacidade adquisitiva", dixo.
"Ante a falta actualización das retribucións nos termos pactados, o persoal levou adiante un calendario de paros e mobilizacións nos meses de marzo e abril, coincidindo tamén no tempo cunha mediación entre as partes que concluíu sen acordo pola postura inmobilista da compañía láctea. Agora, á espera de que teña lugar o xuízo, o persoal non descarta retomar as mobilizacións en defensa dos seus dereitos salariais", engade.
A este respecto, López Carmona cualifica de "impresentábel" que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que comercializa marcas tan coñecidos como Larsa, Central Lechera Asturiana ou ATO, que declara enormes beneficios, e que busca proxectar unha imaxe mediática de forte compromiso co sector, ignore as condicións pactadas na negociación colectiva e se negue a cumprir coas súas obrigas legais.