O Pescados Rubén Burela FS volve a primeira

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Apr 2019

O Vista Alegre das grandes citas non defraudou no inicio da Tarde Laranxa. As máis de 1200 persoas que asolagaron de laranxa as bancadas da Bombonera levaron polo aire ao Peixes Rubén Burela FS para converter o soño de regresar a Primeira nunha gran xesta. Os pupilos de Juanma Marrube xa son lenda na historia da comarca e da provincia de Lugo, co primeiro ascenso deportivo á elite da liga Nacional de Fútbol sala. No derbi irmandiño fronte ao Noia Portus Apostoli houbo de todo: dominio local, iniciativa goleadora visitante na primeira parte e toma e daca de dianas na segunda para finalizar en empate, 3-3.
Cun Vista Alegre repleto coas súas mellores galas, comezou un duelo galego de rivalidade absoluto e compases iniciais de tenteo, aínda que cos laranxas sen deixar de buscar portería, con dominio local e demasiada recompensa para os visitantes. Loito viviu a mellor ocasión no minuto 13, cunha recuperación de Joselito, pero Brais fixo acto de presenza cun pé provindencial. Xa avisaran tan só un minuto antes Renato, desde balón parado de Mata, e Hélder, a piques de coala desde a banda por baixo do meta do Noia; e antes do ecuador, Luisma, cun balón alto, en contra de Renato. O mariñán Brais, defendendo a rede noiesa, salvou na recta final a tentativa de R. Vargas en saque de esquina de Joselito. Pero aínda quedaba tempo e aproveitárono os visitantes adiantándose a 37 segundos para o descanso en xogada ensaiada finalizada por Pizarro a pase de Palmas. Renato protagonizou un gran golpeo que volveu salvar Brais.
Tan só 57 segundos da segunda parte fixéronlle falta ao Peixes Rubén Burela FS para igualar a contenda desde córner de Pope para selar a denominación de orixe, cento por cento laranxa, de Renato. Regresaron os pupilos de Juanma Marrube para asfixiar ao rival. O segundo local chegou nas zapatillas doutra Xoia, Hélder, á escuadra, desde córner de R. Vargas (minuto 24) e Matamoros a punto estivo de subir o terceiro segundos despois. Vista Alegre viviu un minuto de vertixe no 25; Noia puxo táboas, de novo grazas a Pizarro, desde banda, pero Matamoros tan só en 17 segundos volveu adiantarse nunha perfecta execución. Nun derbi irmandiño non apto para cardíacos, Noia tomouse o desquite no 28, co 3-3, de Quilez.
Iago Míguez, nun pase espectacular de Loito e con definición case perfecta do fillo pródigo, a punto estivo en converterse no cuarto laranxa chegando ao minuto 32. Xa cantaba a Bancada Laranxa neses momentos “Campións, Campións” ao coñecer o final entre Elpozo e Mengíbar con empate (2-2). Nuns compases máis acougados e sen cesar en perigo o Peixes Rubén Burela FS Matamoros volveu protagonizar un precioso remate que non entrou por uns milímetros. Restaban aínda cinco por diante. R. Vargas cruzouna para Loito, no 37, pero non sorprenderon a Brais. A recta final foi un estalido e éxtase para unha comarca que volve a Primeira tras unha tempada para enmarcar.

0.16348505020142