O plan de emprego para a mocidade da Deputación arrancará a semana que vén

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
100 inscritos no novo plan de emprego xuvenil da Deputación de Lugo que leva por nome Reiníciate: enfoca o teu futuro.
presentacion reiniciate programa emprego deputacion
12 Xan 2022

Os participantes recibirán formación gratuíta e farán prácticas remuneradas en empresas e entidades para adquirir habilidades en márketing dixital e redes sociais, e en tarefas de auxiliar de xestión informática

Xa hai 100 inscritos no Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. Reiníciate: enfoca o teu futuro, un novo plan de emprego xuvenil impulsado pola Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de que un total de 400 mozos e mozas da provincia poidan acceder a profesións de alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías. O programa arrancará a semana que vén coas 5 primeiras actividades de formación gratuíta.

O luns 17 de xaneiro darán comezo as formacións de Auxiliar de xestión informática especializado en licitacións e subvencións públicas, Xestión comercial e márketing e Márketing dixital e redes sociais. Os tres rematarán o vindeiro 14 de marzo.

Algúns terán lugar en quendas de mañá e outros en horario de tarde. O vindeiro 10 de febreiro comezarán os programas Comunity manager e márketing dixital e Auxiliar de xestión informática para pemes e asociacións, que rematarán o 7 de marzo. Ambos terán lugar de luns a venres, o primeiro en horario de mañá e o segundo en quenda de tarde. Cada programa ten unha capacidade de 15 persoas.

Quedan 300 prazas, que poden solicitarse na web: empleojovenlugo.es Para calquera consulta ou dúbida, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono  982 260 204.

Este programa, que se prolongará durante un ano e que forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia, dispón de máis de 400 prazas destinadas para a mocidade dos 67 concellos da provincia que estean en situación de desemprego. Deben ter entre 16 e 30 anos e atoparse inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil para poder participar. Impartirase de maneira semipresencial para facilitar que o alumnado poida recibir formación dende calquera punto da provincia.

Promovido pola institución provincial e a EOI, este plan de emprego conta cun orzamento de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 930.254,05€. A Deputación de Lugo asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Un programa que dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia. 

O presidente explicou que o obxectivo deste programa é  darlle á mocidade “ferramentas para axudarlles a encontrar traballo, ofrecéndolles para iso información especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”. Nese sentido, Tomé detallou que “é unha formación que responde á necesidade real de perfís profesionais que se están demandando, é dicir, os que máis expectativas de inserción laboral teñen”. 

PRÁCTICAS REMUNERADAS

Este novo programa da Deputación e a EOI inclúe ata tres meses de prácticas non laborais que serán remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700 euros ao mes durante este período. 

Tomé Roca puxo en valor que “grazas a este programa os participantes mellorarán a súa capacidade e aptitudes para encontrar un traballo e, ao mesmo tempo, as empresas e entidades da nosa provincia, coa incorporación deste tipo de perfís profesionais, poderán mellorar a súa actividade, ser máis eficientes, ter máis recursos para optar a procesos de concorrencia pública e ser máis áxiles nos seus procedementos administrativos e no mundo dixital”.

INSERCIÓN LABORAL E APOIO AO RURAL

“A previsión coa que traballamos é que a inserción laboral deste programa sexa, polo menos, dun 25% dos participantes. É dicir, que uns 100 mozos e mozas consigan un emprego ao rematar este programa. Esta é unha previsión, pero oxalá poidamos superar esa porcentaxe”, recalcou o mandatario provincial. 

O presidente recalcou que, sobre todo, este proxecto “é unha medida de apoio ao rural para que os mozos e mozas da provincia de Lugo poidan labrar o seu futuro no lugar onde viven atopando un posto de traballo no seu concello ou na súa comarca”. 

0.10714507102966