O Pleno da Deputación aproba a redución da liña límite de edificación nas estradas provinciais
O Goberno da Deputación presentou no pleno, unha modificación do Catálogo de Estradas da Deputación co obxectivo de aplicar a redución da liña límite de edificación nas fincas limítrofes das estradas da rede provincial. A proposta foi aprobada por unanimidade polo Pleno.
O vicepresidente e responsable de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, puxo en valor que “esta proposta permite que moitas construcións que ata este momento quedaban fora da ordenación municipal, a pesar de contar con licenza, agora poidan incluírse dentro dos plans. Isto supón un beneficio para numerosas edificacións xa existentes, para obras novas así como para reformas ou peches de fincas. Esta é unha iniciativa pioneira pois, ata o momento, ningún concello nin entidade provincial puxera en marcha esta modificación”.
Para poder aplicar dita redución foi necesario actualizar o Catálogo de Estradas da Deputación, aprobado no Pleno de novembro de 2017, e categorizar todas as estradas provinciais como Rede Local coa fin de adaptarse á nova redacción da Lei de Estradas de Galicia que permite pasar dos 15 metros desde o borde da calzada a 7 metros desde a liña exterior que delimita a calzada, sempre e cando estea fora da zona de servidume e a distancia desde o eixo central da estrada sexa superior aos 10 metros.
“Tendo en conta que o ancho desexable para o carrís de circulación é de 3 metros, unha medida que desde o Goberno Provincial sempre temos en conta cando acometemos obras de mellora nas estradas provinciais, esta redución será efectiva na maioría das vías do catálogo, e coa previsión de que futuras ampliacións da calzada fixesen efectivos os 7 metros” explicou o Vicepresidente.