O Pleno da Deputación aproba os orzamentos para 2020

TerraChaXa
O Pleno da Corporación provincial aprobou este xoves, cos votos a favor de PSdeG e BNG e a abstención do PP, os orzamentos da Deputación para o ano 2020, uns presupostos de preto de 92 millóns de euros que, segundo destacou a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, “plasman o proxecto de provincia do Goberno” e aplican “a mellor política demográfica”, que consiste en “dotar de servizos aos veciños e veciñas e favorecer a creación e mantemento de emprego sostible e de calidade”.
O Pleno da Deputación aproba os orzamentos para 2020
6 Dec 2019

O Pleno da Corporación provincial aprobou este xoves, cos votos a favor de PSdeG e BNG e a abstención do PP, os orzamentos da Deputación para o ano 2020, uns presupostos de preto de 92 millóns de euros que, segundo destacou a deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, “plasman o proxecto de provincia do Goberno” e aplican “a mellor política demográfica”, que consiste en “dotar de servizos aos veciños e veciñas e favorecer a creación e mantemento de emprego sostible e de calidade”. “Só así se apoia ao rural”, subliñou a deputada, quen asegurou que o orzamento “é realista é útil porque xorde da visión clara que temos no Goberno provincial das necesidades e das oportunidades que ten a provincia” e porque poderá aplicarse dende o mes de xaneiro.

Mayra García destacou neste senso que aprobar os presupostos en prazo “é unha obriga cara a veciñanza, sobre todo dos pequenos concellos, nos que boa parte da actividade depende da achega e da colaboración da Deputación. O funcionamento normal da Deputación é tamén a garantía do funcionamento normal dos concellos, e de que os veciños e veciñas seguen percibindo os servizos públicos de calidade ós que teñen dereito”.

A deputada explicou que para dar resposta ás necesidades e aproveitar as oportunidades da provincia, os orzamentos do vindeiro ano, que suben preto dun 4% con respecto aos deste 2019, priorizan as políticas sociais, a cooperación cos concellos, a mellora da rede viaria e o impulso dos sectores productivos, nomeadamente o primario e o turístico.

Orzamentos sociais
Deste xeito, afirmou, os orzamentos do 2020 son “profundamente sociais”. Reservan máis de 30 millóns de euros, o que supón o 33% do total, para políticas sociais, dende benestar, igualdade e emprego a cultura, deporte e educación. Con este investimento “suplimos nunha parte moi importante á Administración que ten as competencias nestas materias, a Xunta de Galicia”, indicou Mayra García.

Dentro do investimento social, o presuposto da Deputación dedica 9 millóns de euros para o funcionamento das residencias de Pol, Trabada e Ribadeo, e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e, se fose posible, Meira e Ribas de Sil.

As políticas de emprego contarán con 5M€ para plans de axudas directas á contratación, para formación e para apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos concellos.

A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos orzamentos cunha dotación económica de 2,6M€. Máis da metade deste investimento -1,5 millóns de euros- está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores.

A Cooperación, acción transversal
Os orzamentos do 2020 teñen a cooperación cos concellos como acción transversal. O Plan Único, un dos instrumentos en torno aos que se artella esta permanente colaboración cos 67 municipios da provincia, contará cunha dotación de algo máis de 20M€, entre os recursos previstos nos propios orzamentos (de 11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes.

O Plan Único establecerá “un reparto transparente, equitativo e xusto dos fondos públicos da Deputación con criterios obxectivos, aprobados no Pleno, entre todos os Concellos lucenses”, afirmou a deputada de Economía, e estará destinado á dotación e mellora de servizos e infraestruturas públicos; o Servizo de Axuda no Fogar; creación de emprego; actividades turísticas, culturais e deportivas; administración electrónica e para soster outros servizos como Protección Civil.

Mayra García insistiu en que a Deputación “non se cansará de esixir á Xunta de Galicia que implante tamén un sistema de distribución equitativa, xusta e transparente dos fondos públicos coma este, e que deixe de discriminar aos concellos que non son da súa cor política”.

A mobilidade, un dereito
Os orzamentos de 2020 priorizan a mellora da rede viaria porque, explicou Mayra García, “entendemos a mobilidade como un dereito da cidadanía e como un factor determinante para a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”. Por iso, “facemos un importante esforzo inversor”, detallou, de ata 14M€, para operacións de mantemento e conservación dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial –a máis extensa de España-, para obra nova e para o Parque Móbil, “outro instrumento de cooperación cos concellos moi importante”.

Impulso ós sectores produtivos
Os orzamentos impulsan sobre todo os sectores produtivos cun maior peso e potencial da provincia, como o son o sector primario e o turístico. En canto á actividade agrogandeira e forestal, reservan 2 millóns de euros para, entre outras actuacións, impulsar o centro de recría da Granxa Gayoso Castro; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite; impulsar a creación nas instalacións de Gayoso Castro dunha explotación para potenciar a raza porco celta; implantar na Finca de Tor novas actividades vinculadas á produción ecolóxica; e activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións e mellorar así a súa competitividade.

En canto ao sector turístico, os presupostos contemplan 2,4 millóns de euros para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer así a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un apoio que liderou a Deputación de Lugo dende o ano 2011 e ó que despois se uniron outras institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.

Estas grandes liñas de actuación desenvolveranse nun marco orzamentario, subliñou a deputada de Economía, que mantén a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos e financeiros.

Os prazos
Unha vez aprobados de maneira inicial no Pleno, os orzamentos serán publicados no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a súa exposición pública durante 15 días. Se neste prazo non se presentan reclamacións, as contas quedarán definitivamente aprobadas nos primeiros días do 2020 e entrarán en vigor tras unha nova publicación no BOP. De presentarse reclamacións, sería preciso convocar un Pleno en xaneiro para resolvelas e aprobar o orzamento de forma definitiva.

VICEPRESIDENCIA

No debate plenario, o voceiro nacionalista Efrén Castro subliñou a contribución do BNG á estabilidade da institución coa aprobación das contas dentro do ano e remarcou que se trata “duns orzamentos para intentar que o goberno da Xunta faga o menor dano posible aos cidadáns desta provincia”.
En referencia ás áreas xestionadas pola formación nacionalista, o deputado sarriao explicou que o investimento da Deputación é “imprescindible para manter o tecido asociativo” e contrapuxo as accións de apoio ao deporte e á cultura de base que se desenvolven desde a entidade provincial á política de “grandes eventos e anuncios” do goberno de Núñez Feijoó.
“Sen os recursos que obteñen a través das liñas de axudas da Deputación, os clubs deportivos e as asociacións culturais non subsistirían”, sinalou en reposta á voceira popular Elena Candia. “Os concellos precisan estes recursos para manter as intalacións nas que vostedes non invisten”, engadiu Castro, quen tamén incidiu nos fondos destinados ao Plan Único, “un instrumento de reparto obxectivo que so funciona alí onde o BNG está no goberno”.

PARTIDO POPULAR

O goberno máis caro da historia da Deputación someteu hoxe a aprobación fóra de prazo, extemporaneamente, uns orzamentos para o 2020 (totalizan 91,7 millóns) que só teñen de positivo o que se mantivo do correspondente ao ano en curso, é dicir, aprobado no mandato pasado. Así definiu a portavoz do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, os orzamentos e o contexto no que se aprobaron na sesión plenaria desta mañá, coa abstención dos populares. Indicou que o bipartito PSOE-BNG «en vez de facer un orzamento para as persoas residentes na provincia, fixo un orzamento contra Feijóo; intentan desgastar a Administración que máis inviste na provincia, que aposta por Lugo de maneira clara e decidida». Lamentou que non se reflictan medidas eficaces para loitar contra o despoboamento ou iniciativas que permitan liderar na provincia «unha importante feira de turismo interior».

Candia comezou a súa intervención afeando ao presidente da Deputación que non cambiase a fecha fixada para o pleno por coincidir coa reunión convocada polo comité de Alcoa-San Cibrao cos alcaldes de A Mariña. Esta cita foi fixada antes da convocatoria formal do pleno. A voceira popular explicou que o comité convocou a reunión “unha vez coñecidas as últimas noticias publicadas no Boletín Oficial do Estado sobre a poxa de interrompibilidade que deixan á factoría nunha situación bastante peor na que estaba a semana pasada”. A popular sinalou que “así llo advertín ao presidente antes de que a convocatoria estivera cursada”.

Elena Candia Candia destacou que os orzamentos provinciais chegan fora de prazo o que supón dificultades para os concellos da provincia; os que elaboraron os seus propios orzamentos en tempo, tiveron que facelo sen coñecer concretamente canto van recibir da Deputación. A voceira do Grupo do PP na corporación provincial e tamén presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo esixiu no seu momento ao goberno provincial que “trouxeran en prazo este proxecto” porque “hoxe máis ca nunca, debemos insistir en que estamos ante o goberno máis caro da historia da institución provincial”. Destacou que no PP defenden “que para traballar hai que ter medios; pero, evidentemente, tamén temos que esixir que se traballe máis e mellor”. Ademais de tardar en presentar os orzamentos, a popular citou dous exemplos da escasa eficacia do goberno presidido por José Tomé: o retraso en resolver as axudas de cultura deste ano 2019 e a convocatoria das deste mesmo ano  a deportistas individuais hai escasas horas. Estes retrasos, dixo, “causan graves prexuízos na provincia”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.083415031433105