O Pleno da Deputación aproba unha moción para mellorar a atención das mulleres con endometriose
O Pleno da Deputación aprobou este martes, co non do PP, a proposta do Goberno para mellorar a atención a mulleres con endometriose e a divulgación da doenza para o seu correcto e temperán diagnóstico e tratamento. A deputada de Benestar, Sonsoles López Izqiuerdo, explicou que “a endometriose é unha terrible enfermidade crónica, hoxe en día descoñécense as causas que a provocan, a dimensión real da súa incidencia e os tratamentos mais adecuados. E todo por culpa dunha terrible ausencia de recursos e de consideración de xénero mantendo crédito en afirmacións tan terribles como que a regra doe, e polo tanto hai que aguantar. Polo tanto, a nosa obriga é cambiar ese paradigma”.
A deputada de Benestar subliñou que “se trata dunha enfermidade que afecta a mais do 10% da poboación feminina. Unha ou dúas de cada 10 mulleres que coñezan, padecen endometriose. Cerca de 2 millóns de mulleres en España, 60.000 mulleres en Galicia, das cales 9.000 poden estar en situación grave. Isto é unha estimación, porque o principal problema é a falta de diagnose”.
Neste senso, “dende o Goberno da Deputación, o primeiro que pedimos é formación para os nosos profesionais, que non pasen de largo cando vexan os síntomas. Despois, consultas específicas de profesionais que entendan da materia e poidan tomar decisións axeitadas, como, por exemplo, derivar ás consultas multidisciplinares que hai funcionando en España, en Barcelona ou en Madrid. E por suposto ir creando unha propia unidade multidisciplinar en Galicia, que xa hai casos dabondo para xustificala”, subliñou.
Postura en contra do PP
“Ademais pedimos que o PP retorne á postura do día 22 de abril de 2015 na que votou a favor dunha moción na que xa se avanzaba nestes asuntos. Lamentablemente a primavera do ano pasado votaron en contra de ratificar ese acordo... aínda que despois, a primeiros de este mes de outono, din nunha resposta ao Grupo Parlamentario Socialista que xa teñen postas en marcha as medidas adoptadas en aquel acordo. Resposta, evidentemente, feita por unha persoa que non sufre a doenza, porque dicir que en todos os servizos de xinecoloxía de cada EOXI, existe unha consulta específica que permite garantir unha atención de boa calidade ás mulleres con sospeita ou diagnostico de endometriose; dicir que en cada unha delas establécese un circuíto asistencial, no que se inclúe a derivación a outras unidades como son cirurxía ou esterilidade... dicir iso, entre outras afirmacións, cando menos demostra moito descoñecemento da realidade e unha ofensa ás mulleres con endometriose”, apuntou.
López Izquierdo lembrou que “o Grupo Socialista presentou unha enmenda aos Presupostos Xerais do Estado de 2018 para dotar con un millón de euros o Observatorio de Saúde da Muller e dita emenda foi rexeitada polo Goberno do PP. Actualmente, o Goberno central está mellorando o tratamento e codificación da enfermidade na Base de Datos de Atención primaria. Atención primaria que, non podemos esquecer, o Goberno do PP, ten desmantelada e sen medios. Porque ademais de faltarlles formación aos profesionais faltan os medios. As veces un TAC podería axudar no diagnóstico da enfermidade, pero claro, polas tardes non funciona o servizo de raios no Hula, así que se derivan aos privados que teñen equipos de peor calidade e resolución, polo que si xa é difícil ver a endometriose xa me contarán con probas de pouca resolución. Pero bueno, é evidente que a política sanitaria do PP, ten outras prioridades”.
A Deputación colabora coa Asociación QuerENDO
A Deputada explicou que “as mulleres con endometriose teñen moitos problemas para quedar embarazadas e sen embargo non teñen ningunha facilidade para acceder aos tratamentos de fertilidade nos hospitais públicos, por iso pedimos que se fagan melloras neste aspecto. Ao Ministerio pedímoslle que convoque un Consello Interterritorial no que se aborde o compromiso por parte das Comunidades Autónomas no cumprimento destes acordos e que se inclúan na financiación pública os medicamentos que teñen que tomar estas mulleres e que resultan ser moi caros”.
“Dende a Deputación, xa estamos comprometidos coa asociación QuerENDO en solicitar aos Institutos de Investigación Públicos que dediquen esforzos en investigar as causas e os tratamentos desta enfermidade e en traballar pola información e divulgación das características desta enfermidade que pasa por empezar a desnormalizar a dor na menstruación e poñer mais actitude de sospeita na enfermidade, nunca nas mulleres”, apuntou López Izqiuerdo.
Moción do PP
O Grupo Provincial do PP conseguiu no Pleno que a Deputación de Lugo inste ao Goberno do Estado a que renuncie ao gravame sobre o diésel cando menos ata que se produza unha transición ordenada de tecnoloxías tendo en conta o impacto negativo que ten sobre o emprego e sobre as clases medias e colectivos máis vulnerables. É que “nesta medida do Goberno socialista hai moita ideoloxía e pouca ecoloxía”, segundo din os populares lucenses que consideran que “a loita contra o cambio climático non se pode facer de forma improvisada porque, deste xeito, pagarana os máis débiles”.
Neste sentido, propoñen ao Goberno do Estado que só cando finalice ese período de transición, no caso de que persista na intención de subir o imposto do diésel, se garanta que queden excluídos do mesmo todos os autónomos e profesionais, sen discriminación a ningún sector, así como todos os colectivos vulnerables.
Os populares explican que España, cunha produción próxima aos 3 millóns de vehículos, é o segundo fabricante de automóbiles de Europa e oitavo do mundo, cun impacto moi importante para a nosa economía, xa que representa o 8,6% do PIB e, sobre todo, na creación de emprego, xa que é responsable do 9% do emprego total, de forma directa e indirecta en toda a cadea de valor.
Pola súa banda, Galicia produce máis de 400.000 vehículos ao ano e conta coa segunda factoría máis produtiva de España.
En Galicia o 85% do consumo de combustible de automoción é diésel (datos oficiais xaneiro-agosto 2018), pero en Lugo o impacto é aínda maior: máis do 88% do consumo de combustible na provincia é diésel. Por iso desde Galicia e desde Lugo opoñémonos con máis forza a este ‘dieselazo’ porque o impacto na nosa terra é maior que no conxunto de España, onde o consumo do diésel representa o 82%.
Moción do BNG
O BNG defendeu no pleno da Deputación unha iniciativa para lograr unha tarifa eléctrica galega. Ademais da inmediata redución do Imposto de Valor Engadido sobre a Electricidade do 21% ao 4%, o BNG propuxo que se exclúa a Galiza da Orde definitiva para a tramitación respecto dos suplementos territoriais e que se permita a regulación dunha Tarifa Eléctrica Galega na que Galiza poida beneficiarse. A iniciativa foi rexeitada polos votos en contra do PP e coa abstención do PSOE, e a pesares do apoio do deputado non adscrito.
O grupo provincial do BNG exhbiu durante o Pleno da Deputación de Lugo cartaces de apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa.