O Pleno da Deputación centrouse nos traballadores de Suplusa
"Os 20 traballadores encargados do mantemento das zonas verdes da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) teñen a certeza de que manterán os seus postos de traballo e as mesmas condicións laborais e salariais grazas á decisión do Goberno de encargar este servizo á empresa pública Tragsa coa subrogación dos empregados". Así o puxo de manifesto o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, na sesión ordinaria do Pleno, na que acusou ao Partido Popular de tratar de “manipular” aos empregados con informacións incorrectas.
Tomé explicou que “había catro posibilidades, logo do acordo de disolución de Suplusa, para o servizo de mantemento das zonas verdes: acabar con el, pero nós non queríamos perder os postos de traballo; privatizar, pero nós somos defensores dos servizos públicos; incorporalos á Deputación, pero antes terían que superar unhas probas de acceso sen a seguridade de superalas; e a mellor opción, que é a que acordamos, a única que era capaz de garantir todos os postos de traballo e as condicións laborais dos empregados, que é encargarlle o servizo a Tragsa”. O presidente recalcou que a compra dunha acción por parte do ente provincial do Grupo Tragsa, formado por Tragsa e Tragsatec, e pola cal a empresa pública pasa a ser un medio propio instrumental da Deputación de Lugo representará un “beneficio enorme para a provincia e os concellos”.
Explicou tamén Tomé que o encargo a Tragsa para o mantemento das zonas verdes provinciais e inicialmente de seis meses porque non se podía acordar máis con cargo aos orzamentos do 2019 e a prioridade era garantir o pago dos salarios de todos os traballadores co comezo do novo ano. O encargo ampliarase cando entren en vigor os presupostos do 2020. O presidente quixo agradecer tamén o labor dos traballadores dos diferentes servizos da Deputación, como secretaría, intervención, contratación, asesoría xurídica ou medio ambiente, que contribuíron a materializar a mellor solución para os traballadores e traballadoras nun tempo récord.
Noutra orde de cousas, a Deputación, co voto en contra do PP, demanda á Xunta de Galicia a creación dunha unidade de ictus no Hospital Lucus Augusti (HULA). Así o acordou logo da moción presentada polo PSdeG, que contou co apoio do BNG. Profesionais sanitarios, veciños e veciñas levan anos solicitando unha unidade específica no complexo lucense que permita atender a pacientes cunha enfermidade cerebrovascular aguda. Son unidades que teñen unha importancia como centro de recepción de pacientes derivados desde as urxencias extra hospitalarias ou doutros hospitais.
O Pleno da Corporación provincial tamén aprobou a moción do PSdeG-PSOE, cos votos en contra do PP e a favor do BNG, para reclamar medidas urxentes contra a praga de roedores que sofre o agro lucense. Desde a pasada primavera, gandeiros e agricultores veñen alertando do incremento da presenza da coñecida como rata-toupa nas zonas altas dos concellos de Triacastela, Pedrafita, Samos, Cervantes, O Courel e As Nogais. É un animal dunha alta capacidade reprodutiva, que morde a raíz das plantas e saca a terra á superficie, reducindo a produtividade das explotacións afectadas e a calidade da forraxe.
O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, advertiu de que esta praga afecta xa a unha extensión de 3.000 hectáreas e a unhas 300 explotacións lucenses, segundo as estimacións dos sindicatos agrarios, e que, de non tomarse medidas como ata o de agora, agravaranse os problemas e perdas económicas que xa ocasiona.
Entre as medidas demandadas, a Deputación de Lugo esixirá á Xunta de Galicia un plan de loita que conte con achegas da universidade e centros de investigación, unha liña de investigación permanente para seguir a evolución da especie, habilitar axudas económicas para os afectados cun sistema de compensación por hectárea semellante ao adoptado xa noutras comunidades autónomas e tomar medidas para garantir que as explotacións afectadas pola praga non teñan impedimentos para computar para a PAC.
BNG
O pleno aprobou tamén unha moción do grupo nacionalista que sinala o retroceso no uso da lingua entre a poboación infantil e a mocidade, en liña co informe do Consello de Europa en relación coa Carta Europea da Linguas.
A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galiza a derrogar o decreto para o plurilingüismo, que marca a política lingüística no ensino non universitario desde a chegada de Nuñez Feijóo ao goberno galego. Así o recolle a moción, que dá eco ao último informe do Comité de Expertos do Consello de Europa en relación coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
A proposta, que tivo os votos en contra do Partido Popular, refrenda o apoio da Deputación Provincial de Lugo ás recomendacións recollidas nese documento de avaliación emitido o pasado 11 de decembro e insta á Xunta de Galiza e ao goberno do Estado a avanzar no seu cumprimento.
O informe fai fincapé na necesidade de modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso das linguas cooficiais nos procedementos xudiciais a pedimento dunha das partes, de mellorar o uso das linguas cooficiais na administración do Estado nas Comunidades Autónomas e a eliminar as limitacións do ensino en galego en Galiza.
No seu artigo 8, a Carta Europea, que España subscribiu en 2001, compromete as autoridades a ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensino primario, secundario, técnico e universitario en lingua galega.
En contra diso, a normativa sobre o uso do galego no ensino vixente no noso país desde 2010 restrinxe o suo do idioma propio a un máximo do 50% do currículo, excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física e a química.
O voceiro do BNG, Efrén Castro, incidiu nas nefastas consecuencias que a política linguística do goberno de Núñez Feijóo está a ter sobre a evolución do coñecemento e o uso da lingua galega entre a poboación infantil e na mocidade.
“Por primeira vez na historia hai nenas e nenos en Galiza que non falan nin entenden o galego. Ese é o resultado de dez anos de política linguística do Partido Popular”, remarcou o deputado nacionalista que rebateu os argumentos dos representantes do Partido Popular.
En liña co manifestado por representes institucionais da Xunta de Galiza, o deputado popular Agustín Baamonde cuestionou o informe emitido polos expertos europeos.
PP
O Grupo do PP logrou que o pleno da Deputación aprobara instar ao Goberno central a mellorar o financiamento do sistema de atención ás persoas en situación de dependencia e, polo tanto, a achegar o que lle corresponde nesta materia e que na actualidade supón “unha débeda de 200 millóns de euros coa comunidade autónoma de Galicia”, segundo recordou a voceira popular, Elena Candia.
Con 24 votos a favor saiu adiante a proposta que a presidenta provincial do Partido Popular defendeu apelando ao “espírito de reivindicar o que é noso e defender o que é bo para a provincia” que imperou na sesión plenaria da Deputación de Lugo. A popular lembrou, neste último día do ano, “a importancia para preto de 10.000 familias da provincia de apoiar esta iniciativa” porque se trata “dun asunto de especial transcendencia para a nosa provincia que conta cunha importante cantidade de persoas maiores, cun progresivo envellecemento da poboación e cunha cifra de persoas en situación de dependencia que medra cada ano e que alcanza as 10.000”.