O Pleno das Pontes aproba investimentos por valor de 2,7 millóns de euros

TerraChaXa
Tamén deu luz verde a unha inversión de 1,7 millóns de euros procedentes do Pos Adicional 2024
pleno-ordinario-as-pontes
12 sep 2024

O pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe, durante unha sesión plenaria ordinaria, un investimento, en obras e servizos por valor de 2,7 millóns de euros.

Entre as actuacións aprobadas destaca a mellora do acceso aos Alimpadiros (47.941 euros), as obras de reposición e mellora de pavimentos e beirarrúas no Poboado da Magdalena (48.183 euros), a reparación da cuberta da base de Protección Civil, instalada no Polígono dos Airios (30.000 euros), a reparación da cuberta do edificio no que se sitúa a asociación A Xanela (32.000 euros) e a impermeabilización da beirarrúa Otero Pedraio que permitirá rematar con problemas de filtracións na Piscina Municipal (30.250 euros).

Así mesmo aprobouse unha partida de 30.000 euros para o saneado e mellora de firme en camiños municipais, outra de 96.000 euros para a reparación do paso sobre o Río Chamoselo en Pedrafita e destinaranse 56.000 euros á construción de vestiarios no polideportivo da Magdalena.

O pleno tamén aprobou unha partida de 60.000 euros para a climatización do ximnasio da piscina municipal, 24.884 euros para o proxecto de reforma interior parcial do mercado municipal e 18.000 euros para a reposición dos elementos biosaudables do parque municipal e a mesma cantidade para o mantemento do chan do parque infantil da rúa Covelos.

No ámbito dos servizos, entre outros, aprobouse a creación dunha plataforma para xestionar o material e instalacións municipais (18.000 euros), a posta en marcha dun inventario de muíños do Concello (17.172 euros). Tamén se aprobou o crédito para a adquisición de nova iluminación led para o Auditorio Municipal Cine Alovi (18.000 euros) o deseño e impresión de material para a promoción turística das Pontes (18.000 euros) así como para a renovación do estudo da radio e televisión local (2.000 euros).

POS ADICIONAL 2024

Durante a sesión tamén recibía o respaldo de toda a Corporación unha inversión de 1,7 millóns de euros, procedentes da Deputación da Coruña, mediante o Plan de Obras e Servizos Adicional para 2024, e que terán como destino cinco proxectos e gasto corrente.

Así, 294.672 euros irán para sufragar gasto corrente 2024 derivado do funcionamento diario do propio concello; 179.465 euros serán para o proxecto de mellora da beirarrúa e dos servizos na marxe dereita da Rúa Rego do Muíño, no tramo comprendido entre os números 3 e o 44; 207.862,90 euros irán destinados á mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Lugo, entre os números 1 e 19; e outros 109.346 euros servirán para mellorar o firme e a seguridade viaria no Paraño.

Asemade, destinaranse 284.000 euros a dous novos proxectos non incluídos inicialmente no Pos Adicional e que son: a mellora de servizos e beirarrúas na rúa da Casilla que implicará unha inversión de 205.000 euros e o reforzo do firme nos viarios de Porto do Souto, Alvarón e Cabeza dos Fornos cun desembolso de 78.558 euros.

Un listado de proxectos que seguen a mesma liña marcada dende o goberno que dirixe Valentín González Formoso de mellorar a calidade de vida da veciñanza e renovar e ampliar os servizos públicos do municipio.

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

O Pleno do Concello das Pontes deu luz verde, por unanimidade, á licitación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na modalidade de dependencia, e no que se investirán 8.034.312 euros.

A edil de Benestar Social apuntou que o novo prego inclúe unha actualización do prezo do servizo que, deste xeito, se axusta á realidade do sector, o que vai permitir incrementar en 7 euros /hora, ata os 24,35 euros/hora, a cantidade que percibirán as traballadoras que prestan este servizo, con respecto ao contrato anterior.

Tania Pardo explicou que será o Concello o que asuma este incremento e demandou da Xunta de Galicia maiores fondos xa que o goberno autonómico tan só financia a metade do SAF (12 euros /hora), polo que son as persoas usuarias e o goberno municipal os que deben facer fronte a esta suba.

Neste senso, Pardo adiantou que os 150 usuarios e usuarias non van ver incrementada a súa cota de copago e deu conta do compromiso do executivo local de seguir a manter un servizo básico, de calidade, que é un dos piares do estado de benestar malia que, ao seu xuízo, debe ser a administración autonómica a que dote aos concellos de máis recursos para poder afrontar esta situación e que non recaia nas arcas municipais esta suba de prezos.

O contrato, que terá unha duración de dous anos, prorrogables dous máis, suporá unha inversión de 1,8 millóns de euros ao ano, e inclúe a atención a persoas ou unidades de convivencia, no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu domicilio, atendendo a persoas maiores con déficit de autonomía e con discapacidade así como a fogares con menores nos que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Os tipos de atención que se prestarán serán catro; de carácter persoal para a realización de actividade da vida cotiá, atención das necesidades de carácter doméstico e de vivenda, acompañamento persoal para a realización de trámites administrativos ou médicos e atencións de carácter psicosocial e educativo.

Ademais dos servizos propios de atención contémplanse outros complementarios tales como fisioterapia, podoloxía, logopedia ou terapia ocupacional, entre outros. Por outra banda tamén están adscritos ao servizo equipamento como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, colchóns anticaídas ou cadeiras de rodas.

0.18337988853455