O Pleno das Pontes aproba unha moción en apoio a Ceuta e que pide garantías para os dereitos fundamentais

TerraChaXa | FerrolXa
A moción, presentada polo Partido Popular, contou co apoio do PSOE, mentres que o BNG se abstivo ao considerar que non se trataba dun asunto de ámbito local
pleno-as-pontes
18 Sep 2026

O Pleno do Concello das Pontes aprobou a moción presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular en defensa da soberanía española de Ceuta e Melilla e para reclamar ao Goberno de España a adopción de medidas ante os graves acontecementos rexistrados na cidade autónoma.

O Grupo Municipal Socialista votou a favor da iniciativa tras incorporar unha emenda destinada a clarificar e reforzar o contido da proposta en materia de estranxeiría, protección internacional e dereitos fundamentais.

A emenda presentada polo grupo de goberno insta ao Goberno de España a continuar garantindo a identificación das persoas que accedan irregularmente a territorio español e a promover, cando legalmente proceda, os correspondentes procedementos de retorno e readmisión, con pleno respecto aos dereitos fundamentais, ao dereito de asilo e á especial protección das persoas menores de idade e doutras persoas en situación de vulnerabilidade.

O acordo tamén recolle o apoio e a solidariedade coa cidadanía de Ceuta e coas súas institucións ante a situación vivida, así como o recoñecemento ao labor desenvolvido polos servizos públicos, as Forzas e Corpos de Seguridade, as Forzas Armadas, a Policía Local e os servizos de emerxencia, ONG´S e persoas voluntarias.

Pola súa banda, o BNG optou pola abstención. Os nacionalistas defenderon que a cuestión estaba “fóra de órbita” e cuestionaron que o Concello abordase unha situación que, ao seu xuízo, excede o ámbito das competencias municipais, cuestionando, asemade, que a moción incluíse referencias á soberanía española de Ceuta e criticou que a resposta á situación migratoria se centre no control fronteirizo, na seguridade e nos procedementos de retorno.

Desde o grupo socialista considérase que o pleno municipal pode abordar cuestións que transcenden o ámbito estritamente municipal cando afectan a dereitos fundamentais, cuestións de Estado ou situacións humanitarias. Neste sentido, lembran que ao longo dos últimos anos o Concello das Pontes ten debatido e adoptado posicións sobre cuestións de carácter internacional, como a guerra de Ucraína ou a situación humanitaria en Gaza e Cisjordania.

“O feito de que unha cuestión non sexa estritamente local non significa que non poidamos expresar a nosa posición como Concello. Do mesmo xeito que temos defendido os dereitos humanos en diferentes contextos internacionais, consideramos importante mostrar tamén o noso apoio á cidadanía de Ceuta, un territorio español que nestes intres está a vivir unha situación especialmente complexa”, sinalan desde o Goberno municipal.

0.14998292922974