O Pleno das Pontes reclama á Xunta a rehabilitación dos colexio da Magdalena e Moncho Valcarce

O Pleno do Concello das Pontes aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista do PSdeG-PSOE para reclamar á Xunta de Galicia unha intervención integral nas cubertas e nas instalacións do CEIP A Magdalena e do IES Moncho Valcarce, dous centros educativos que levan anos agardando por solucións definitivas aos problemas de filtracións, humidades e deterioración das súas infraestruturas.
O acordo plenario dá respaldo institucional a unha reivindicación que o Concello trasladou reiteradamente á Administración autonómica e que, a pesar das comunicacións, reunións, visitas aos centros e anuncios realizados pola Xunta, continúa sen unha resposta acorde coas necesidades existentes.
Desde o Concello das Pontes reclámase que a Xunta deixe de adiar estas intervencións e as traduza en investimentos concretos, proxectos técnicos e prazos de execución.
O CEIP A Magdalena, o edificio B, correspondente ao antigo colexio Monte Caxado, presenta filtracións e humidades que afectan ás aulas dun edificio no que estudan máis de 400 nenos e nenas. Esta situación foi comunicada á Consellería de Educación durante o curso 2023/2024, sen que ata o momento se executase unha intervención integral que resolva as deficiencias.
Mentres que no IES Moncho Valcarce, con máis de 400 alumnos e alumnas, os problemas afectan tanto ao edificio principal como ao pavillón deportivo. As filtracións nas cubertas, as entradas de auga nas aulas e zonas comúns, as humidades e as deficiencias de illamento térmico súmanse a instalacións de calefacción e iluminación obsoletas.
A situación do pavillón deportivo é especialmente preocupante, xa que as deficiencias afectan non só á comunidade educativa, senón tamén aos clubs e entidades deportivas locais que utilizan estas instalacións.
A falta de solucións resulta especialmente significativa no caso deste instituto. Desde 2021, o Concello solicitou case unha decena de reunións coa Xefatura Territorial de Educación para abordar as necesidades do centro. A Xunta realizou visitas ás instalacións en 2023 e en febreiro de 2025, pero estas non se traduciron ata o momento nas obras integrais que precisa o edificio.
Ademais, en xuño de 2025, tras as mobilizacións da comunidade educativa, a Xunta anunciou a redacción dun proxecto para substituír a cuberta do pavillón, cun investimento previsto de 100.000 euros e a previsión de executar as obras en 2026. Porén, en outubro deste ano a intervención continuaba pendente, mentres as comunidades educativa e deportiva seguían reclamando unha solución.
A aprobación unánime da moción reclama á Xunta que incorpore estas actuacións ás súas prioridades de investimento e que concrete os compromisos económicos e os prazos para facelas realidade. En concreto, o acordo insta a realizar unha avaliación técnica integral das cubertas e instalacións dos dous centros, planificar, financiar e executar as obras necesarias e priorizar a intervención no pavillón deportivo do IES Moncho Valcarce.
Un dos aspectos centrais da reclamación é a inclusión nos orzamentos autonómicos de 2027 dunha partida específica e suficiente para afrontar estas intervencións. O investimento debe contemplar non só a rehabilitación ou substitución das cubertas, senón tamén as melloras necesarias en illamento térmico, calefacción, climatización e iluminación.
O Pleno reclama igualmente que a Xunta comunique ao Concello a planificación técnica, o financiamento previsto e os prazos de licitación e execución, así como que manteña informadas as comunidades educativas sobre as actuacións previstas e o seu desenvolvemento.
A unanimidade acadada no Pleno sitúa esta demanda como unha reivindicación compartida pola Corporación municipal. O Concello das Pontes reclama agora que ese respaldo institucional teña continuidade na resposta da Xunta, coa incorporación dos investimentos necesarios e cun calendario de obras que previstas.