O Pleno de Cospeito aproba as bases das axudas á hostalaría
O Concello de Cospeito viviu dous plenos en semanas consecutivas, o segundo deles extraordinario, para dar para diante finalmente ás axudas ao empresariado local con motivo da covid e polas que o partido socialista preguntou nos plenos anteriores.
Finalmente quedaron aprobadas as bases que outorgarán as axudas. As bases xa están e en breve sairán publicadas no BOP para abrirse o prazo de solicitude. A intención é que estean cobradas todas antes de que finalice o ano.
As axudas non serán por concorrencia competitiva polo que poderán solicitalas todos os negocios afectados. Consistirán nun único pago de mil euros por negocio para que o Concello destina 10.000 euros. Os socialistas solicitaron que quedara reflectido na acta que "de non ser suficiente esa partida, que se fixera outra partida".
"Alegrámonos que a nosa iniciativa saíra adiante, aínda que os mil euros non lle van solucionar a vida a ninguén é unha mostra de solidariedade e tamén o feito de que estivésemos todos os grupos de acordo é importante porque é así como se avanza nun concello", explica Rosa Morán.
MOCIÓN SOCIALISTA
No primeiro pleno houbo tamén acordo unánime de todas as partes para o arranxo da consulta do centro de saúde. Pedían os socialistas que se arranxase “canto antes” a que se atopa na planta soto, pero que é usada a diario como consulta habitual. Segundo indicaban “atópase nun estado tercermundista con humidades e óxidos, que parece ser que se olvidaron de reparala co resto das estancia".
O alcalde anunciou que se vai dar solución en breve, que hai compromiso da Consellería, a este problema e incluso prevese trasladar a consulta á parte de arriba. Rosa Morán, voceira socialista, indicou que espera que se fagan as melloras tal e como dicen "que nós seguiremos insistindo se non é así".
Sobre o Plan Xeral o concello informou aos socialistas, que se sacou a concurso, que se presentou unha empresa e que está en trámite agora mesmo. Aínda así, o PSOE asegurou que intentarán por todos os medios que se abra un novo período de alegacións, porque houbo xente que quedou sen presentar alegacións porque a empresa anterior non cumpliu".
Ademais, tamén preguntaron pola desaparición do servizo de recollida de cartón polos comercios “xa que a día de hoxe só se recollen os contedores e non polos negocios como se facía antes”. Explican que énchense os contedores de material ao non ir a empresa polos locais como facía antes e recibiron como resposta que o Concello está a negociar para que se volva ao sistema anterior. Tamén piden concienciación aos veciños para que dobren o cartón "e no os enchan con tres caixas".
O Concello comunicou a preguntas dos socialistas que a ponte que quedou sen arranxar na pista de Momán a Roás farase en breve e que as pistas en mal estado en Pino están traballando nelas. "Hai que darlle un toque de atención ao Goberno local porque no Concello segue habendo moitas pistas en mal estado, entramos no inverno e quedarán así, algunhas delas en estado lamentable, o casco urbano de Muimenta está desfeito e na zona das vivendas sociais do recinto feiral á situación é lamentable", explicou a voceira socialista.