O Pleno de Guitiriz aproba a bonificación do ICIO en tres proxectos sociais

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz favorece a execución de tres proxectos de interese social coa aplicación da bonificación do ICIO
pleno maio concello de guitiriz
28 May 2022

Aplicouse a bonificación do ICIO para a licencia da obra do balneario, a rehabilitación da casa de Díaz Castro e a ampliación dunha explotación de vacún de leite.

O Concello de Guitiriz aprobou este xoves, no pleno ordinario, por unanimidade, a aplicación da bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) en tres proxectos de interese social.

Así, puideron beneficiarse desta bonificación: a obra de reparación, mantemento e actividade do balneario e do campo de golf, a rehabilitación da casa de Xosé María Díaz Castro como espazo museístico por parte da Asociación Xermolos, e, por último, a ampliación dunha explotación de vacún de leite.

O goberno local favorece así a execución destes tres proxectos que xerarán empregos, potenciarán o sector primario ou poñerán en valor o patrimonio do municipio. Este foi o obxectivo co que, no ano 2020, se modificara o ICIO, ampliando os supostos de bonificación co obxectivo de impulsar o sector primario e fomentar o emprego.

Un pleno de acordos unánimes

Na sesión plenaria de onte o consenso foi maioritario. Así, ademais das tres bonificacións do ICIO, aprobáronse por unanimidade gran parte dos asuntos que levou o goberno local á orde do día.

Un deles foi a modificación temporal do réxime de adicacións e retribucións da concelleira delegada de Turismo e do concelleiro delegado de Xuventude e Deportes por baixa por maternidade da concelleira de Medio Rural, Medio Ambiente e Réxime Interior. Aprobada cos votos a favor do PSOE e PP e a abstención do BNG.

Tamén por unanimidade foron aprobadas a modificación do inventario de bens municipais da porción de terreo encravado en parcela municipal no lugar A Raposeira-Santa Leocadia e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola tramitación de expedientes e expedición de documentos administrativos. 

Por outra banda, na quenda de mocións dúas do BNG foron aprobadas tamén por unanimidade, a relativa a tomar medidas contra o abandono de vivendas do Concello e a de reclamar melloras no transporte público na futura lei de mobilidade sostible.

A moción do PSOE para propoñer á Xunta a adopción dun decreto que aprobe a delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago foi aprobada cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP.

Por último, a moción presentada polo PP en relación ás concesións de transporte colectivo por estrada foir rexeitada cos votos en contra do PSOE e a favor do PP e BNG.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18472003936768