O pleno de Guitiriz aproba novas medidas en materia de transporte e servizos

TerraChaXa
Foron rexeitadas as dúas mocións sobre a xestión da auga, elaboradas en función dos problemas de subministración rexistrados a primeiros de mes
pleno-guitiriz
27 Nov 2026

A sesión plenaria da Corporación municipal de Guitiriz abordou diferentes asuntos relacionados coa prestación de servizos públicos e o funcionamento do Concello. Entre as cuestións que saíron adiante figuran a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do servizo de taxi, a imposición de sancións á empresa responsable dos servizos enerxéticos municipais, o regulamento do teletraballo e unha iniciativa para reclamar melloras nas estacións de tren de Guitiriz e Parga.

Un dos puntos tratados foi a aprobación definitiva da nova Ordenanza Municipal Reguladora do Servizo de Taxis, que contou co apoio dos grupos municipais do PSOE e do PP, mentres que o BNG optou pola abstención. A normativa establece o marco de funcionamento deste servizo público, co obxectivo de regular a súa prestación no municipio e ordenar aspectos relacionados coa actividade e a atención ás persoas usuarias.

Outro dos asuntos destacados foi a aplicación de dúas penalidades á empresa adxudicataria do contrato mixto dos servizos enerxéticos do alumeado exterior e dos edificios municipais, por incumprimentos das condicións recollidas nos pregos que rexen a contratación. A proposta recibiu o respaldo unánime da Corporación e contempla sancións económicas por importe de 3.091,93 e 6.183,87 euros, respectivamente. Segundo se expuxo no pleno, as penalizacións responden a incumprimentos detectados na execución do contrato.

Tamén se aprobou por unanimidade o regulamento que permitirá organizar a prestación de servizos municipais en réxime de teletraballo. Este documento fixa as condicións para desenvolver parte da xornada laboral fóra das dependencias municipais, establecendo un marco común para o persoal do Concello e garantindo a organización e continuidade da atención á cidadanía.

Por último, saíu adiante, tamén co voto favorable de todos os grupos, unha moción presentada polo PP para solicitar a ADIF que acometa actuacións de limpeza, conservación e reparación nas estacións ferroviarias de Guitiriz e Parga. A iniciativa busca que se mellore o estado das instalacións e se garanta o seu adecuado mantemento, atendendo ás necesidades das persoas usuarias do servizo ferroviario.

A situación do abastecemento de auga en Guitiriz centrou boa parte do debate no último pleno municipal, no que o PP e o BNG presentaron dúas mocións para reclamar medidas que permitan mellorar o servizo e evitar novos problemas no subministro. Ningunha das dúas propostas saíu adiante ao non contar co apoio do equipo de goberno socialista.

O PP solicitaba a creación dunha comisión informativa especial, coa participación de todos os grupos políticos, para analizar os problemas rexistrados no abastecemento e aclarar o sucedido durante a interrupción do servizo iniciada na tarde do sábado 7 de novembro e que se prolongou ata a mañá do luns 9. A proposta tamén pretendía abrir unha vía de comunicación máis fluída coa oposición e coa veciñanza para abordar as incidencias e estudar posibles solucións.

Pola súa banda, o BNG propoñía realizar unha auditoría da rede de abastecemento, incluíndo un diagnóstico do estado das instalacións, a creación dunha reserva hídrica e a elaboración dun plan de emerxencia ante posibles situacións de seca, entre outras actuacións. A alcaldesa, Marisol Morandeira, explicou que a auditoría xa estaba realizada e defendeu a necesidade de mellorar a información e a coordinación entre os grupos municipais. O goberno local considerou excesiva a creación dunha comisión específica, ao entender que se pode habilitar unha canle de comunicación para trasladar información sobre as incidencias.

Durante o debate tamén se abordou a avaría que provocou o baleirado do depósito municipal tras unha fuga, unha incidencia que obrigou a traballar durante varias horas para recuperar o abastecemento. O BNG reclamou maior axilidade e transparencia na comunicación destas situacións, mentres que o equipo de goberno deu conta das actuacións realizadas.

0.14509391784668