O Pleno de Guitiriz insta á Xunta a poñer fin "ao deterioro dos servizos públicos"

TerraChaXa
Os recortes que se sinalan afectan aos centros de saúde e tamén aos colexios
pleno-guitiriiz
29 Nov 2024

O Concello de Guitiriz insta á Xunta de Galicia a que poña fin ao deterioro dos servizos públicos que vén sufrindo o municipio desde hai un tempo. Faino a través dunha moción presentada onte, xoves 28 de novembro, en pleno polo Partido Socialista e que foi aprobada unanimidade por todos os grupos da corporación.

Segundo recolle o texto, “desde o ano 2020 a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén recortando de xeito continuado os servizos sanitarios que corresponden ó Concello de Guitiriz”, explicando que se pasou de ter “cinco facultativos repartidos entre o Centro de Saúde de Guitiriz e o Consultorio de Parga, a contar na actualidade con destino efectivo en Guitiriz con dous facultativos”.

Así, sinálase que no Consultorio de Parga pasouse de ter “dous facultativos todos os días có Servizo de Enfermería correspondente a ter só un facultativo de luns a xoves”. E, por outro lado, indícase que “no Centro de Saúde de Guitiriz actualmente só queda un dos tres médicos que atendían na zona, xa que non se cubriu a última xubilación, ao que hai que sumar que un dos facultativos de Parga tamén deixará o servizo por obter unha praza noutra localización. Ademais, o servizo de pediatría leva sin cubrirse na práctica neste ano 2024, afectando aos 510 nenos do municipio que precisarían atención nesta especialidade”.

A moción do grupo socialista tamén apunta á situación dos centros de ensinanza de Guitiriz, puntualizando que desde o inicio do curso escolar, o “Centro Educativo CEIP Lagostelle todas as semanas ve minguada a súa actividade e funcionamento pola falta de substitución de persoal imprescindible”, como é o caso da cociñeira ou da coidadora.

Situación parecida á que ocorre no CEIP Santo Estevo de Parga, que “ten solicitado un pinche de cociña que lle pertence polo número de nenos e nenas que asisten ao comedor e o desdobramento dunha das aulas polo número de alumnado, e segundo os ratios da consellería, terían que estar en dous cursos polo que se solicitada un docente máis”, aínda que de momento ningún dos dous postos está cuberto.
A isto hai que sumarlle os problemas co transporte escolar, que desde que deixou de ser xestionado pola Consellería de Educación “todos os comezos de curso xera que moitas familias vexan cambiadas as paradas as que deben acudir por cambiar de primaria a secundaria (educación obrigatoria)”.

Por todos estes motivos, o Concello de Guitiriz insta á Xunta de Galicia, a que poña os recursos económicos necesarios, xa que dispón deles, para dotar ó municipio dos Servizos Públicos que necesita e que ten dereito. Demándase ter información do que vai ocorrer coas prazas vacantes tanto do Centro de Saúde de Guitiriz e do Consultorio de Parga e que cumpran cos compromisos que adquiriron con respecto a eses mesmos Servizos Públicos.

En canto ó CEIP Lagostelle, que se cubran as ausencias, baixas e outros permisos que solicitan os traballadores para que o Centro e as familias poidan facer uso dos servizos que ten o Centro; e que asignen ao CEIP Santo Estevo de Parga o pinche solicitado e o persoal docente necesario para o desdobramento.

Outros asuntos do pleno de novembro

No pleno ordinario do mes de novembro tamén se votaron os seguintes asuntos:

  • Aprobación definitiva da Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa do uso común especial do dominio público local polas actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais do Concello De Guitiriz. Aprobado cos votos a favor do PSOE e en contra do BNG e PP.
  • Aprobación inicial do regulamento da Escola Infantil Municipal do Concello De Guitiriz. Aprobado cos votos a favor do PSOE e PP e a abstención do BNG.
  • Modificación do Regulamento do Centro de Día “Casa do Capataz”. Aprobado cos votos a favor do PSOE e a abstención de BNG e PP.
  • Aprobación expediente contratación determinados servizos de axuda no fogar. Aprobado cos votos a favor do PSOE e en contra do BNG e PP.
  • Modificación inventario municipal de camiños no lugar de Forcas- O Vilar. Aprobado cos votos a favor do PSOE, BNG e PP.
  • Bonificación do ICIO da obra de ampliación de explotación de vacún a Patricia Pérez en representación de Salu, S.C. Aprobado cos votos a favor do PSOE, BNG e PP.
  • Bonificación do ICIO para obra de plataforma de formigón para silo de Rubén Paz Paz en representación de Castro Paz SC. Aprobado cos votos a favor do PSOE, BNG e PP.
  • Moción do BNG relativa á reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.
  • Aprobado cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP.
  • Moción do BNG relativa á situación do idioma propio de Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. Aprobado cos votos a favor do PSOE, BNG e PP.
0.155681848526