O Pleno de Guitiriz reclama á Xunta a escola infantil e a senda peonil a Parga
O pleno do Concello de Guitiriz aprobou por unanimidade dúas mocións presentadas polo grupo municipal do PSOE nas que se lle lembra á Xunta de Galicia o incumprimento dos compromisos acadados para a construción dunha Escola Infantil e da senda entre Parga e o Mesón da Cabra.
En primeiro lugar, ínstase á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a que execute a senda peonil na LU-242 entre Parga e o Mesón da Cabra incluída no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 que debería estar rematada e aínda non está nin a licitación. O PSOE reitera así a petición que fixo a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, nunha reunión mantida coa conselleira, Ethel Vázquez, o pasado 26 de mayo, xa que esta é unha actuación urxente para a mellora da seguridade viaria dos veciños e veciñas de Parga.
Por outro lado, ínstase á Consellería de Política Social a que dea os seguintes pasos para abordar a financiación do proxecto da Escola Infantil que solucionaría o déficit de prazas de 0-3 anos que sofre actualmente o municipio e que fai que se estea incumprindo a normativa autonómica que fixa o ratio de prazas ofertadas en función da poboación.
Despois de diferentes reunións, tanto coa conselleira, Fabiola García, como co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e de elaborar o Concello da man dos técnicos do Consorcio unha memoria para construír este novo equipamento no recinto onde se ubica agora o PAI, o proxecto está paralizado nas mans do xerente.
O grupo municipal socialista insta á Xunta a que cumpra coas súas obrigas e non entende o comportamento que está a ter con respecto ao Concello de Guitiriz, que se podería cualificar como sectario.