O pleno de Outeiro de Rei aproba unha nova modificación de créditos para reforzar servizos e actuacións no municipio

O Pleno do Concello de Outeiro de Rei celebrou este xoves, 24 de setembro, unha nova sesión ordinaria na que se aprobaron diferentes asuntos de interese para o municipio, entre eles unha modificación de créditos destinada a reforzar diversas partidas orzamentarias e dar resposta ás necesidades derivadas do crecemento de Outeiro de Rei.
A sesión comezou coa aprobación da acta da sesión anterior e coa aprobación do expediente relativo á planificación e ordenación de persoal, ambos os dous asuntos por unanimidade, con 12 votos a favor.
Un dos principais asuntos da sesión foi o expediente 1300/2026, relativo á modificación de créditos, que saíu adiante con 8 votos a favor e 4 en contra. Esta modificación permitirá adaptar os recursos municipais ás novas necesidades do Concello e acometer diferentes actuacións e servizos de importancia para os veciños e veciñas.
Entre as actuacións contempladas atópase a ampliación da potabilizadora de auga, unha infraestrutura fundamental para seguir garantindo a capacidade e calidade do servizo de abastecemento ante o incremento da poboación do municipio.
Tamén se reforzan os recursos destinados á prestación de servizos de atención temperá, á reparación de parques infantís de Santa Isabel e Guillar, á reparación de camiños municipais na zona de Penas de Rodas e á construción de novos nichos, entre outras necesidades municipais.
Desde o equipo de goberno sinalan que esta modificación responde á necesidade de adaptar os recursos públicos á realidade dun concello que continúa medrando en poboación e que precisa cada día máis servizos, así como seguir ampliando e mellorando as súas infraestruturas.
Neste sentido, o Goberno municipal destaca que Outeiro de Rei continúa avanzando e medrando grazas á xestión realizada nos últimos anos, mantendo o compromiso de seguir investindo na mellora dos servizos públicos e das infraestruturas municipais.
O Pleno aprobou tamén o expediente 555/2026, relativo a bonificacións ou exencións tributarias, cun resultado de 9 votos a favor e 3 abstencións.
Estas bonificacións están destinadas a recoñecer e favorecer a instalación de empresas que xeran actividade económica no municipio, contribuíndo á dinamización do tecido empresarial e á creación de actividade en Outeiro de Rei.
Moción en defensa da soberanía sobre Ceuta e Melilla
Por último, o Pleno abordou unha moción presentada polo Partido Popular en defensa da soberanía española sobre Ceuta e Melilla.
A iniciativa expresa o apoio e solidariedade coas cidades autónomas de Ceuta e Melilla e defende o seu dereito á seguridade, á liberdade e á protección dos seus cidadáns. A moción recolle tamén a consideración de que Ceuta e Melilla forman parte inseparable de España, así como a defensa dos dereitos das mulleres fronte a calquera forma de violencia.
Do mesmo xeito, a iniciativa reclama o cumprimento das obrigas correspondentes no ámbito da regulación dos fluxos migratorios e da inmigración irregular, dentro do marco das competencias e relacións internacionais correspondentes.
Está moción foi aprobada por 8 votos a favor e 4 en contra.