O pleno de Outeiro de Rei aproba unha nova ordenanza reguladora do viveiro de empresas

O pleno do Concello de Outeiro de Rei aprobou, co apoio do PSOE, unha nova ordenanza reguladora do viveiro de empresas, o que implica a derrogación da existente. Segundo explicou o alcalde, José Pardo Lombao, na súa intervención, as modificacións afectan principalmente a aspectos técnicos e á regulación dos prezos públicos, nunha iniciativa coa que se pretende “seguir impulsando” o desenvolvemento económico e o emprego.
Pola súa banda, o BNG utilizou a súa quenda de palabra para facer unha listaxe das emendas que presentaron contra a nova ordenanza, puntualizando algunhas das cuestións a debate, entre elas a solicitude de elaborar primeiro unha ordenanza de prezos públicos, algo que o alcalde desmentiu asegurando que xa está aprobada.
O rexedor subliñou que o Concello conta cunha axente de desenvolvemento local e que as novas directrices da ordenanza “van encamiñadas a desenvolver o concello”, e acusou ao BNG de enganar coas súas emendas durante as intervencións.
As propostas do BNG, que se votaron en bloque, foron rexeitadas cos votos do PP e a abstención do PSOE, o mesmo reparto que deu luz verde a esta nova normativa.
Outro punto da orde do día foi a moción do PSOE, na que se solicitaba que o Concello de Outeiro de Rei rexeitase o Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, “por supoñer unha regresión na autonomía municipal e unha recentralización do poder en favor da Xunta”.
Desde o BNG apoiaron esta moción, cualificando de decepcionante o anteproxecto, ao considerar que homoxeneiza o sistema co resto de comunidades e non recolle figuras propias como as parroquias. Tamén advertiron dos problemas de infrafinanciamento dos concellos. “Esta lei vén sen financiamento para as novas competencias e obriga a unha dependencia económica”, aseguraron.
O alcalde explicou que o seu grupo non ía apoiar a moción, aínda que comparta algunhas das preocupacións, como a falta de recursos municipais, e amosou o seu respaldo ao texto e ás negociacións que está a levar a cabo a Xunta de Galicia. Pardo culpou desta situación non ao anteproxecto, senón ao Goberno central, e pediu á Xunta “que reclame ao Estado unha redistribución de fondos para aliviar as cargas dos concellos”. Finalmente, a moción foi rexeitada cos únicos votos a favor de BNG e PSOE.
No apartado de rogos e preguntas, o PSOE pediu ao Concello de Outeiro de Rei que se adhira á proposta do Concello de Lugo para a creación dun bus lanzadeira con transbordo ao bus urbano entre ambas vilas, debido á gran cantidade de veciños que se desprazan diariamente á capital e teñen que utilizar o vehículo propio. Pardo acusou ao goberno do BNG en Lugo de facer propaganda ao anunciar esta proposta sen falar previamente coa Alcaldía de Outeiro. “Esperamos chegar a acordos co Concello de Lugo cando se aclare a situación actual”, engadiu en relación coa moción de censura pendente, e lembrou que Outeiro de Rei xa está integrado no transporte metropolitano.
O BNG pediu o apoio do Goberno para iniciar o diálogo coa Real Academia Galega e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para a posta en marcha dun mapa sociolingüístico do municipio, especialmente centrado na rapazada en idade escolar. Este rogo foi aceptado polo equipo de goberno.
Os nacionalistas tamén preguntaron pola situación derivada da tala de árbores “poñendo en risco bens arqueolóxicos na parroquia de Parada”. O alcalde, que indicou que xa existía unha denuncia dun grupo ecoloxista, comprometeuse a revisar a documentación e analizar a situación para actuar se é preciso.
Así mesmo, interesáronse por que non se admiten determinadas peticións dos concelleiros do BNG e pola falta de resposta a cuestións relativas ao orzamento destinado á protección do patrimonio, algo que o alcalde negou categoricamente. Lembrou que se lles permite intervir sen limitación de tempo e que as súas propostas son escoitadas “porque son o alcalde de todos os veciños”, acusando ao BNG de formular preguntas tendenciosas.
Sobre a razón de non aprobar novos orzamentos e continuar cos prorrogados, o alcalde puxo como exemplo o Goberno do Estado. Aínda así, asegurou que non tardarán en presentalos. “As liñas de axuda non están confirmadas, o que podería facer variar os orzamentos, e a iso estamos agardando”, explicou, subliñando que a acción de goberno continúa desenvolvéndose día a día.
A acta da sesión anterior foi aprobada por unanimidade, mentres que a proposta de bonificación e exención tributaria para un proxecto de nova empresa na localidade saíu adiante por maioría co apoio do PP e do PSOE. O BNG abstívose ao expresar dúbidas sobre que o proxecto se desenvolva realmente no municipio, xa que, segundo indicaron, a persoa promotora traballa e reside na cidade de Lugo. Pola súa banda, Pardo Lombao asegurou que estas axudas están destinadas precisamente a impulsar o desenvolvemento local.