O Pleno de Xermade aproba a cesión de terreos de antigas estradas

TerraChaXa

O Pleno de Xermade reuniuse en sesión ordinaria para aprobar unha bonificación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras do 95% a solicitude dunha empresa que ampliou a súa actividade coa construción dunha nave industrial para almacenamento de estruturas de madeira no polígono de Xermade.

24 dic 2022

O Pleno de Xermade reuniuse en sesión ordinaria para aprobar unha bonificación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras do 95% a solicitude dunha empresa que ampliou a súa actividade coa construción dunha nave industrial para almacenamento de estruturas de madeira no polígono de Xermade. Ademais, elixiuse xuíza de paz titular para os vindeiros catro anos.

Outro dos puntos aprobados foi a cesión de tramos antigos das estradas autonómicas, entre os que se atopa a estrada de titularidade autonómica que comunica a AC-170 e AC-861 na que se realizou senda peonil; a sobrante ao carón da AC-170 próximo ao campo de fútbol de Cabreiro e a sobrante nas proximidades en O Empalme no nó da AG-64, a LU-861, LU-540 e LU-170.

Estes espazos foron solicitados con motivo dun proxecto de actuacións para mellora da área recreativa da Acea, no río Trimaz, e construción de área de autocaravanas a carón do campo de fútbol de Cabreiros, que non resultou beneficiario das axudas de Reserva da Biosfera para os anos 2022 e 2023.

Na parte de control e fiscalización, o Partido Popular presentou unha moción para esixir a mellora da cobertura de liñas telefónicas e transmisión de datos 4G no termo municipal, que se aprobou por unanimidade. Porén, a Alcaldía xa se dirixira ás principais compañías de telecomunicacións que operan en Xermade en data 1 de decembro para esixir unha mellora das telecomunicación no concello.

Dende a Corporación municipal despediuse a sesión desexando unhas felices festas á toda a veciñanza.