O Pleno de Xermade aproba uns orzamentos de 1,95 millóns de euros

TerraChaXa
A Corporación xermadina reuniuse co gallo de aprobar a modificación número 1 da Relación de Postos de Traballo e o orzamento do 2023.
obra foto salon plenos concello xermade
obra foto salon plenos concello xermade
27 nov 2022

A Corporación xermadina reuniuse este mes en sesión extraordinaria, co gallo de aprobar a modificación número 1 da Relación de Postos de Traballo e o orzamento do exercicio 2023.

A modificación da Relación de Postos de Traballo foi un compromiso adquirido co persoal durante a negociación da RPT en vigor, a finais do 2020. Desde xeito, créanse tres novos postos de administrativo (dous de administración xeral e un de administración especial para a biblioteca), e mellóranse as retribucións do persoal que se encarga dos servizos básicos (auga, sumidoiro, etc.). Por último, increméntase a xornada do posto de técnico/a de urbanismo, ata o 60% (actualmente era do 48%).

O proxecto de orzamento de 2023 contempla este incremento retributivo no Capítulo 1, ademais de dar cobertura aos servizos básicos que se están prestando e os de nova creación. Entre os primeiros cabe destacar o Servizo de Axuda no Fogar, que na actualidade conta con 125 usuarios e un gasto de 744.886,40 euros destinado á adxudicataria do servizo, sen contar os medios persoais municipais (persoal dos servizos sociais).

Entre os servizos de nova creación está a Atención Temperá, que comezou en xullo de 2021 mediante a agrupación cos concellos de Vilalba e Guitiriz e ten como destinatarios ás crianzas de 0 a 6 anos. O presuposto de licitación deste servizo é de 179.600,00 euros do 1 de novembro de 2022 ao 31 de outubro de 2023, dos cales se agarda obter de novo axudas por parte da Xunta de Galicia.

No capítulo 7 prevese a achega municipal (53.492,80 euros) para a construción da depuradora do Campo da Feira, en Momán, que executará a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Actualmente o Concello de Xermade está en proceso de adquisición das parcelas necesarias para ubicar a depuradora.

O orzamento ascende a un total de 1.952.656,95 euros, cun incremento de 58.088,18 euros respecto ao 2022.