O pleno vilalbés acorda avanzar no PXOM, na ampliación do polígono e o impulso ao comercio

TerraChaXa
O pleno vilalbés acorda avanzar no PXOM, na ampliación do polígono e o impulso ao comercio ademais da conta xeral e a ordenanza de venda
pleno vilalba
pleno vilalba
26 nov 2022

O pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha declaración institucional con motivo deste 25 de novembro,a. proposta do PP, e tamén aprobou a Conta Xeral de 2021 e a modificación das taxas de abastecemento e a rede de sumideiros para actualizalos co IPC, que suporán unha subida do 10,20%, uns 2,5 euros.

Tamén foi aprobada a nova ordenanza de venda ambulante, unha das propostas socialistas para este Pleno.

As mocións da oposición volveron xerar debate aínda así o pleno aprobou esixir ao goberno local avances sobre a tramitación do PXOM e da ampliación do polígono industrial Sete Pontes; así coma desenvolver campañas de impulso económico para pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros. Estas foron as dúas mocións que presentaba o Grupo Municipal Popular pola vía de urxencia de forma que “se propiciou o debate e votación por parte dos distintos grupos políticos”, segundo recalca a voceira, Sandra Vázquez.

Sobre o tema do Nadal, a alcaldesa asegurou que está prevista xa unha campaña de impulso do comercio e tamén afirmou que están en vías de solicionarse os atrancos que existían para a ampliación do polígono. Considerou Elba Veleiro de novo que esas mocións deberían presentarse como preguntas, igual que pasou no Pleno anterior, pero ao final votáronse como tal malia a contestación da alcaldesa sobre a situación actual do trámite.

Por outra parte, a popular sinala que “o goberno local amósase nas sesións plenarias comprometido co PXOM e coa ampliación do polígono, pero pasa o tempo e non vemos ningún avance. Unha cousa é a palabra e outra son os feitos que, precisamente, non estamos a ver. Mentres, estamos a perder un valioso tempo para contribuír ao desenvolvemento urbanístico e industrial no noso municipio”.

Os populares cren que “o goberno do PSOE xa vai tarde para impulsar campañas de dinamización do tecido comercial, hostaleiro e o que conforman pequenos autónomos. Xa non chegan para o Black Friday e faltan menos de dúas semanas para a campaña de Nadal sen que o goberno local explique que medidas ten previstas neste sentido. O Grupo Municipal Popular pídelle diálogo cos pequenos autónomos, comerciantes e hostaleiros, que se reúna con eles para consensuar campañas que repercutan na dinamización económica deste sector e revitalicen a economía vilalbesa”.

No caso da moción coa que pedían a comparecencia da alcaldesa ou do concelleiro responsable da xestión do auditorio ante a falta de coidado e mantemento das súas instalacións, “a alcaldesa volveu reconvertela nun rogo e pospuxo para o vindeiro pleno, a finais de xaneiro.