O Pleno vilalbés estudará o novo regulamento para o servizo Concilia na Tarde, que arrancará o próximo ano

O pleno ordinario do mes de maio do Concello de Vilalba, que se celebrará este xoves 28 ás 18:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello, abordará entre os principais asuntos da sesión a aprobación do regulamento do novo servizo municipal “Concilia na tarde”, paso necesario para a súa futura posta en marcha no municipio.
Trátase dun novo servizo público dirixido a facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias vilalbesas con nenos e nenas escolarizados nos centros públicos de Educación Infantil e Primaria.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “a creación deste servizo responde a unha demanda
crecente de moitas familias do municipio que precisan recursos públicos adaptados ás necesidades reais do día a día. Os horarios laborais, o ritmo de vida actual e as dificultades para compatibilizar o traballo co coidado dos fillos e fillas fan cada vez máis necesarios este tipo de servizos de conciliación”.
O servizo “Concilia na tarde” desenvolverase inicialmente no CEIP Antonio Ínsua Bermúdez, no CEIP Manuel Mato Vizoso e na Escola de Educación Infantil de Vilalba, quedando ademais aberto á súa futura implantación noutros centros educativos públicos do municipio que poidan incorporarse posteriormente.
O horario de funcionamento será de 15:30 a 17:30 horas e o novo servizo contará con persoal especializado e dúas modalidades de utilización.
Por unha banda estarán as persoas usuarias fixas, que poderán empregar o servizo entre un e cinco días á semana en función das necesidades de cada familia. Por outra banda, tamén existirá a modalidade de usuarios ocasionais, para aquelas familias que precisen facer uso do servizo en días puntuais sempre que existan prazas dispoñibles.
A alcaldesa destacou que “falamos dun servizo pioneiro en Vilalba que permitirá seguir ampliando os recursos municipais destinados ás familias e mellorar a conciliación no municipio”.
Ademais deste asunto, o pleno ordinario abordará tamén outros puntos incluídos na parte resolutiva da sesión.
Entre eles figura a solicitude presentada polo Instituto de Estudos Chairegos para modificar a denominación da actual rúa Valeriano Valdesuso pola de rúa Antón Peña Novo.
A proposta fundamenta esta solicitude na figura de Antón Peña Novo, recoñecido historiador vilalbés, fundador das Irmandades da Fala e autor da obra Villalba en el siglo XIX, destacando a súa contribución á defensa e conservación do patrimonio histórico e cultural da vila. Ao mesmo tempo, a iniciativa expón a retirada da actual denominación da rúa Valeriano Valdesuso ao considerar, segundo recollen distintas publicacións históricas locais, a súa vinculación coa intención de derrubar a Torre da
Homenaxe do Castelo de Vilalba, finalmente conservada grazas á oposición veciñal da época.
Así mesmo, tamén se levará a pleno a proposta de reforzo de firme, mellora da drenaxe e sinalización en diversas vías municipais das zonas de Gomariz, O Coto, Os Navallos, Mouriz, O Xuncal e Toxeiro, cun investimento superior aos 103.000 euros.
A sesión plenaria incluirá ademais a proposta de aprobación dun novo acordo regulador dos prezos públicos vinculados á organización de espectáculos, alugueiro de instalacións e participación en actividades culturais no Auditorio Municipal, coa finalidade de actualizar a regulación existente e adaptala ás necesidades actuais.