O Polígono de Riotorto sementa a polémica no último Pleno da Deputación

TerraChaXa
O Pleno da Deputación de Lugo acordou por iniciativa do PSdeG, esixir á Xunta que prorrogue as axudas agroambientais, do clima e a agricultura ecolóxica do Plan de Desenvolvemento Rural ás explotacións gandeiras en tanto non entre en vigor a nova Política Agraria Común.
27 Nov 2019

O Pleno da Deputación de Lugo acordou por iniciativa do PSdeG, esixir á Xunta que prorrogue as axudas agroambientais, do clima e a agricultura ecolóxica do Plan de Desenvolvemento Rural ás explotacións gandeiras en tanto non entre en vigor a nova Política Agraria Común. Unha medida que “garanta unha cobertura económica ao sector”, segundo defendeu o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, quen puxo en evidencia a falta de apoio do Goberno galego ao rural. “O presidente da Xunta dixo que esta sería a lexislatura do rural, e esta a ser a lexislatura de acabar co rural”, asegurou Fernández Rico.

Na sesión plenaria aprobouse así mesmo unha proposta do Bloque Nacionalista Galego para instar á Xunta de Galicia a retirar o anteproxecto de Lei para a creación da sociedade para a xestión do ciclo integral da auga, coñecida como a Sogama da auga. O Executivo rexeita o modelo proposto porque se formula “dende arriba”, sen contar cos concellos, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e porque atribúe ao Goberno galego toda capacidade de decisión (cun mínimo do 51% do capital social), mentres que só achega un terzo do financiamento das obras hidráulicas, obrigando a poñer a parte restante a concellos e deputacións.

A Deputación pide tamén que a Xunta incremente a dotación do Fondo de Cooperación Local, ata o 5% da recadación tributaria galega, e que modifique o canon de saneamento para que os concellos queden co 50 % do cobramento para financiar obras hidráulicas no seu territorio. García Porto denunciou o intento da Xunta de “centrifugar competencias” e argumentou que esta iniciativa só “engrosará as Administracións paralelas” e fará que os concellos paguen dobre, vía canon e sufragando as obras hidráulicas, algo que cualificou de “inxusto”.

POLÍGONO DE RIOTORTO

Por outra banda, o Pleno da Deputación desbotou unha moción do Partido Popular sobre o polígono de Riotorto por considerala “irresponsable” e “desaxeitada”. A voceira provincial socialista reprochoulle ao PP que estando na comisión liquidadora de Suplusa –que conta con representantes dos tres grupos políticos provinciais en igualdade de condicións- descoñeza os pasos a seguir para poder estudar sequera o impulso deste parque empresarial. García Porto explicou que o primeiro é “determinar se a obriga de Suplusa de promover ese polígono está vixente”. Nese caso, a comisión liquidadora debería acordar a sucesión de obrigas á Deputación de este e de todos os proxectos que considere necesario, non só o de Riotorto, e unha vez efectuada esa sucesión de obrigas, o vindeiro paso sería estudar a dotación de orzamento á actuación.

Pola súa banda, o Grupo Provincial do PP critica que os grupos do goberno da Deputación votaran en contra de dotar dunha partida orzamentaria finalista nos presupostos da entidade provincial de cara ao 2020 para a licitación e urbanización do parque empresarial de Vilarín no Concello de Riotorto. Os populares defenderon no pleno esta proposta "ante a preocupación dos veciños e veciñas e tamén do seu alcalde, Clemente Iglesias, pola situación do parque empresarial agardando que o grupo do PSOE e do BNG tamén apoiaran o futuro dos mozos e mozas e que, polo tanto, non sexan cómplices da emigración da xente nova de Riotorto, así coma ao tecido industrial desta provincia e, máis concretamente, a posta en servizo deste polígono que axudará á dinamización económica de Riotorto".

O deputado do PP José Antonio García incidiu tamén en que co seu voto queda claro “o criterio deste Goberno da Deputación con respecto á herdanza que deixa Suplusa, entidade que decidiron disolver o PSOE e o BNG para chegar ao acordo de goberno que teñen e que xustificaron de ben distinta maneira: mentres que o Partido Socialista dicía que era por modernizar e impulsar as funcións públicas desta institución, o BNG dicía directamente que era para baleirar esta casa e liquidar esta Deputación”. A este respecto, o popular recordou que “cando se presentou o inicio do procedemento de liquidación da sociedade a postura deste Grupo, que estamos a defender con coherencia e responsabilidade, na comisión liquidadora”. Agora, “queremos saber a posición da Deputación que é a quen se subrogan as funcións que tiña Suplusa”.

EDUCACIÓN

Só o Grupo do PP defendeu no pleno celebrado pola Deputación de Lugo o dereito dos pais a elixir centro educativo, cuestionado pola ministra de Educación. Pola contra, e así o manifestaron co seu voto, o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego opuxéronse á moción presentada polos populares. Ía destinada a apoiar este modelo que na provincia afecta a 7.000 nenos e a 573 mestres, e resposta, tal e como expuxo a voceira, Elena Candia, a que se garanta “un dereito universal”, que figura recollido na Constitución Española e na xurisprudencia emanada do Tribunal Constitucional en relación ao artigo 27, que sitúan no mesmo plano de igualdade o dereito á educación e a liberdade de ensinanza, mediante un desenvolvemento harmónico de ambos dereitos.

Os populares sosteñen que “os pais son os primeiros responsables da educación dos seus fillos” e que ese papel non pode ser substituído nin condicionado polo Estado; ao contrario, os pais deben ter a seguridade de que o Estado protexe e garante os seus dereitos. Elena Candia lembrou que “non foi casualidade que no título primeiro da Constitución -De los derechos y deberes fundamentales- figure o artigo 27: Todos tienen derecho a la educación. Se reconoce la libertad de enseñanza”.

 

0.10595703125