O polígono industrial de Friol continúa ampliándose con catro novas empresas

LugoXa | TerraChaXa
O Equipo de Goberno insiste en seguir potenciando o polígono industrial e en particular o seu Viveiro de Empresas
reunion-empresarios-poligono-industrial-friol
A reunión dos propietarios das novas empresas que se asentan no polígono de Friol
4 Xuño 2024

Na actualidade son catro as empresas que están asentando a súa actividade e construíndo as súas naves, no Polígono Industrial de Friol.

As empresas que xa están construíndo as súas naves, son Talleres Agruñá - chapa e pintura, cuxo encargado, veciño de Friol, empezou a súa andadura empresarial no viveiro de empresas do concello, e que agora aposta por facer a súa propia nave e seguir medrando; Suministros Agrícolas Pitufo, outra nova empresa capitaneada tamén por un veciño de Friol, que comezou a súa actividade nun almacén arrendado, e agora decidiu trasladarse ao polígono; Carpintería Pacín, unha empresa que na actualidade ten a sede situada en Lugo, xestiona por un rapaz que continuou co negocio que iniciara o seu pai no baixo da propia vivenda familiar, e que agora opta por trasladar o seu negocio e construír a súa nave no polígono de Friol; e por último Enel Green Power España, que atopou en Friol a situación idónea para asentar a súa empresa, na que se dedicará entre outras a fabricación de placas solares e outras tecnoloxías de carácter solar.

A semana pasada reuníronse no polígono industrial de Friol estes catro empresarios que escolleron este concello para asentar a súa empresa, xunto co alcalde, Jose Ángel Santos, e o xerente da Confederación de Empresarios de Lugo, ente encargado da xestión do Polo de Emprendemento que a Xunta de Galicia ten en Friol, así como a delegada da Alcaldía, Ángeles Buján e dous técnicos do propio Polo.

Esta reunión serviu para poñer en contacto aos empresarios cos responsables do Polo de Emprendemento, para que se coñezan e poidan ver as formas de colaboración e axudarse uns a outros, creando sinerxías entre os seus negocios co obxectivo de que desde o inicio das súas actividades comecen a xerar beneficio económico.

As empresas contan co apoio incondicional do Concello de Friol e do seu alcalde, José Á. Santos, o que sinala que “sempre estaremos ao carón das persoas que queiran emprender e asentar os seus negocios no noso pobo, intentaremos axudalas en todo o que estea nas nosas mans, é moi importante que existan empresas que opten por Friol para comezar ou continuar a súa andadura empresarial, e neste caso que dúas desas empresas sexan emprendedores do no pobo, énchenos de satisfacción, que estes catro empresarios se decantasen por asentarse no noso Polígono Industrial e unha noticia importante para a poboación de Friol, xa que xerarán tecido empresarial, riqueza e postos de traballo no noso municipio”.

O equipo de Goberno capitaneado por Jose Á. Santos insiste en seguir potenciando o polígono industrial e en particular o seu Viveiro de Empresas xa que “vense os resultados da importancia do Viveiro e isto supón que novas empresas se acheguen e poidan instalarse no noso Concello, con todos os beneficios que isto supón, pola riqueza e postos de traballo que pode xerar para a nosa veciñanza” engade o alcalde.

Cabe destacar que desde o Concello de Friol están facendo un gran esforzo tanto económico como de asesoramento, entre outras medidas que teñen activadas de cara a captar tecido empresarial, destaca a bonificación do 50% das taxas municipais, así como desde os comezos dos proxectos ata que se poñan a funcionar contan tamén con unha rede de asesoramento, desde técnicos do Concello, desde o GDR Comarca de Lugo que tamén ten a sede en Friol, como o propio Polo de Empredemento e de Apoio ao Emprego que a Xunta de Galicia ten situado na capitalidade de municipio.

0.12999200820923