O pontés David de la Encina foi nomeado novo delegado do Goberno en Ceuta

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
Aínda que boa parte da súa carreira profesional e política se desenvolveu no sur de España, mantén unha estreita relación con As Pontes
david-de-la-encina-delegado-goberno-ceuta
6 Oct 2026

David de la Encina, natural de As Pontes, foi nomeado este martes novo delegado do Goberno en Ceuta, substituíndo no cargo a Miguel Ángel Pérez Triano. A súa chegada prodúcese nun momento especialmente relevante para a cidade autónoma, dous meses despois da entrada masiva rexistrada en Ceuta.

Aínda que boa parte da súa carreira profesional e política se desenvolveu no sur de España, De la Encina mantén unha estreita relación con As Pontes, onde viviu durante toda a súa infancia e mocidade, ata os 18 anos. Na localidade pontesa conserva tamén vínculos familiares e afectivos.

O nomeamento foi recibido con satisfacción nas Pontes. O alcalde do municipio e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, felicitou publicamente o novo delegado do Goberno a través das redes sociais e destacou a súa vinculación coa localidade.

Coa súa incorporación á Delegación do Goberno en Ceuta, David de la Encina retoma a súa actividade na primeira liña da xestión pública despois dunha etapa centrada na súa actividade profesional.

O político socialista desenvolveu durante anos a súa carreira na provincia de Cádiz. Entre 2015 e 2019 foi alcalde de El Puerto de Santa María, ademais de exercer como secretario xeral do PSOE local e concelleiro.

Posteriormente, en setembro de 2019, asumiu a presidencia da Mancomunidade de Municipios da Baía de Cádiz e converteuse tamén en deputado provincial na Deputación de Cádiz.

De la Encina deixou estas responsabilidades institucionais o 30 de xuño de 2023 e reincorporouse á súa actividade profesional como coordinador de Andalucía Emprende na provincia de Cádiz. Agora abandona este posto para asumir a Delegación do Goberno na cidade autónoma de Ceuta.

0.14580297470093